Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Eiquí xaz alguén, que coa súa obra, fixo que Galicia durase mil primaveras máis”. O máis fermoso dos epitafios, escrito polo gran Álvaro Cunqueiro, xenio e figura. Pero é que ademais, é unha verdade absoluta. Toda a obra de Cunqueiro, tanto en galego como en castelán, goza dunha orixinalidade e creatividade delirantes. Definitivamente a súa imaxinación non coñecía límites. A primavera é época de renacer, de rexuvenecer, de vida nova despois do longo letargo invernal, e en termos artísticos podería traducirse en época de creación, concepto que Don Álvaro coñecía á perfección. Xusto hai uns días celebrouse o 40 aniversario do pasamento deste ilustre mindoniense que non deixa de sorprendernos coa súa xenialidade.

Teño a inmensa fortuna de ser unha boa amiga de César Morán, sen dúbida un dos maiores estudosos e coñecedores da obra de Cunqueiro e que ademais, é un excelente músico e cantautor. Adoitamos ensaiar unha tarde por semana, e antes de poñernos a tocar a súa marabillosa música -inspirada en Cunqueiro e outros grandes autores da nosa literatura- non deixo pasar a oportunidade de preguntarlle por esa entrevista que lle fixo só un mes antes de falecer. Todo o que me conta é ouro puro, non só os eloxios ao Cunqueiro escritor, algo evidente, senón tamén ao Cunqueiro máis humano, á persoa. Un home excepcional, sinxelo, que sabía da súa grandeza pero sen caer na petulancia. Non deixa de fascinarme a modernidade que destila a súa obra, tan evidente na súa poesía de vangarda:

 

¡Ata visualmente hai fermosura! Mil grazas César por permitirme seguir disfrutando de Cunqueiro a través das túas cancións, de verdade. E moitísimos parabéns a tan ilustre paisano -110 anos tería- que, sen dúbida, fixo que Galicia durase mil primaveras máis, e dúas mil e tres mil!

Gústame pensar que as persoas tan xeniais, as que realmente deixaron unha profunda pegada neste mundo, xamais nos abandonan, porque coa súa obra son capaces de perdurar a través do tempo, abraiándonos día a día. Ao igual que Cunqueiro, outro destes xenios foi Ígor Stravinski (1882-1971),compositor ruso que revolucionou o panorama musical, especialmente cos seus ballets. Incluso a prestixiosa revista norteamericana “Time” cualificouno como un dos persoeiros máis influentes do século XX, e por suposto, non lles faltaba razón. Sendo Stravinski todavía un compositor novo e bastante descoñecido, o empresario ruso Serguéi Diáguilev -fundador da importantísima compañía de “Ballets Rusos”- ficha a Stravinski para formar parte dos seus proxectos. Esta frutífera colaboración dará lugar a tres xoias da música incidental e sinfónica: “L’Oiseau de feu”, “Petrushka” e “Le Sacre du printemps”. Esta última, “A Consagración da primavera”, foi escrita en París para a tempada do ano 1913 despois do gran éxito acadado polos anteriores ballets. Coa coreografía orixinal de Vaslav Nijinsky e a escenografía e vestiario de Nicholas Roerich, “A Consagración” supuxo unha auténtica revolución en todos os sentidos, tanto musical como escénica. Incluso nunha cidade tan vangardista como era aquel París de principios de século, o día da estrea no Teatro dos Campos Elíseos, o público asistente quedou en shock, entre fascinado e horrorizado, con apupos e espantadas incluídas polo visto… Pero xa se sabe, toda gran revolución pasa por unha ruptura drástica da orde establecida e só uns poucos escollidos, eses xenios valentes, son capaces de crear algo realmente único e innovador. Ao fin e ao cabo, ¿non debe ser a arte un instrumento de transformación social? ¿un elemento de reflexión e inflexión? Bendita delgada liña que hai entre xenialidade e loucura, ¡qué sería de nós sen ela…!

Como violinista tiven a sorte de poder interpretar en varias ocasións “A Consagración da primavera”, unha obra moi esixente a nivel instrumental; pero tamén puiden disfrutar desta marabillosa música en calidade de público e teño que dicir, que incluso para os nosos oídos modernos, acostumados a todo tipo de “violencia auditiva”, continúa a ser unha música salvaxe, tribal diría eu. Unha obra que bebe do ritual e do primixenio, que nos transporta ás nosas raíces como humanos.

Cunqueiro e Stravinski, dúas mentes privilexiadas do século XX unidas por un concepto tan naíf como a primavera, curiosa parella…

¡Consagrémonos a eses xenios “tolos” que nos elevan o espírito e nos libran dunha cordura chea de aburrimento e convencionalidade!