Skip to main content
Colaboracións LUGOXAColaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXA

Sobre o I Parlamento de Mulleres con Discapacidade

Por 11 Abril, 2024Sin comentarios

Por Fernanda Arrojo.

Co motivo dos dez anos da posta en marcha da Fundación CERMI Mujeres polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI), o pasado 1 de marzo asistín á celebración no Senado das Cortes Españolas ao Primeiro Parlamento das mulleres e nenas con discapacidade.

Baixo o lema “o futuro que queremos!”, falouse sobre a Axenda das Mulleres e Nenas con Discapacidade en España para a próxima década 2025-2035).

Este acto consistiu, por enriba de todo, nunha chamada á acción xa que desde a aprobación do II Manifesto sobre os Dereitos das Mulleres e Nenas con Discapacidade da Unión Europea, o mundo enfrontouse a grandes desafíos, como a pandemia de COVID-19, os conflitos armados e os efectos do clima. E as mulleres e nenas con discapacidade seguen enfrontándose a formas agravadas de discriminación en todos os aspectos da vida posto que as crises dos últimos anos afectáronnos moitísimo. Porén as mulleres con discapacidade deben liderar a defensa dos seus dereitos fundamentais.

Hai que ter en conta que mulleres e nenas con discapacidade son o 25,9% da poboación total de mulleres da Unión Europea e preto do 60% da poboación total de 100 millóns de persoas con discapacidade en Europa. E en España, das 4.383.900 persoas con discapacidade rexistradas, 2.570.600 son mulleres; é dicir, un 58,6%.

As razóns da maior prevalencia da discapacidade entre as mulleres que entre os homes está no seu baixo nivel socioeconómico; na existencia da violencia de xénero, e nas prácticas discriminatorias contra elas.

Neste contexto, o empoderamento das mulleres e nenas con discapacidade e o desenvolvemento da súa capacidade de liderado é fundamental para protexer os seus dereitos humanos e liberdades.

Dentro da diversidade das mulleres con discapacidade, están as que teñen pluridiscapacidades ou grandes necesidades de apoio. Estas mulleres, polas súas circunstancias e por vivir nunha contorna non axeitada ás súas necesidades están moito menos empoderadas.
Por iso, a Confederación de asociacións de persoas con Parálese Cerebral, sendo representada neste acto por min e outras compañeiras, fixo unha serie de propostas para incorporar ás mulleres con grandes necesidades de apoio na axenda feminista da discapacidade e que se garantan, de forma real e efectiva, os nosos dereitos, como son:

O dereito á saúde sexual e reprodutiva. Necesitamos servizos de obstetricia e xinecoloxía accesibles. Ademais, debemos ter acceso a programas de educación sexual inclusivos adaptados ás nosas necesidades.

A participación social e política é outro dereito fundamental. Propoñemos medidas de discriminación positiva que nos permitan formar parte dos espazos de toma de decisións e recoñecer a nosa capacidade de contribución significativa á nosa sociedade.

No ámbito laboral, as políticas de inclusión deben garantir a igualdade de oportunidades e unha remuneración equitativa das mulleres con discapacidade. Non poden seguir solicitándonos informes de aptitude nas ofertas de emprego público para as que xa demostramos estar preparadas. Non nos poden negar a asistencia persoal, as nosas mans e os nosos pés, para desenvolver un traballo. Son medidas fundamentais para a erradicación da discriminación laboral e para a nosa independencia económica.

A estratexia de desinstitucionalización marca un camiño cara á vida independente. Pero no caso de grandes necesidades de apoio como a nosa, hai que mirar máis aló. A normativa debe permitir que cada persoa deseñe o seu propio traxe de apoio á medida. Todas as solucións de vivenda deben ter ratios suficientes. Queremos escoller os servizos como quero, sen ter que renunciar á asistencia persoal acudindo a un centro de día.

Por último, hai que reforzar os protocolos de abordaxe integral das mulleres con parálise cerebral vítimas de violencia. Isto inclúe garantir o acceso a facilitadores e tecnoloxías de comunicación aumentativas e alternativas. Dános ferramentas para protexernos. Queremos unha vida libre de violencia.

O noso obxectivo é construír un futuro onde todas as mulleres, independentemente das súas necesidades de apoio, sexan recoñecidas como iguais, con todos os seus dereitos garantidos e respectados.