Skip to main content
Ribadeo

O xulgado de paz de Ribadeo trasladarase ao novo edificio nun mes

Por 24 Marzo, 2021Sin comentarios

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o local cedido pola Xunta ao concello de Ribadeo para acoller de xeito provisional o xulgado de Paz. O Goberno galego investiu 42.000 euros no acondicionamento deste inmoble ao que se trasladarán antes dun mes os funcionarios do xulgado de Paz, mentres que o Concello leva a cabo as obras de acondicionamento da sede principal deste órgano.

A Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou o pasado 19 de febreiro que o xulgado de paz de puidese trasladar de forma provisional ás instalacións ofrecidas pola Xunta, que xa traballa no traslado temporal dos funcionarios a este novo local. A resolución recolle que o local proposto polo Goberno galego de forma temporal é axeitado para que os funcionarios desenvolvan o seu traballo, se ben indicaba a necesidade de contar cun local complementario para arquivo, así como que a celebración das vodas do xulgado de Paz se realicen no concello. Por iso, a Xunta solicita a colaboración do concello para procurar un espazo para o arquivo.

A Xunta ten como competencia a dotación do persoal dos xulgados de paz, mentres que ás distintas administracións locais lle corresponden, segundo a Lei de Demarcación e de Planta Xudicial o seu mantemento coa habilitación dos medidos técnicos, instrumentais e das instalacións axeitadas.

Cómpre destacar, por tanto, a colaboración da Xunta para coa cesión dun local provisional e o seu acondicionamento mentres o concello de Ribadeo habilita a sede actual do xulgado de Paz, co obxectivo de contribuír á mellora da xustiza municipal e axudar ao municipio.