Skip to main content
Ribadeo

O PSOE de Ribadeo pide mellorar as estradas da Madanela e da Costa

Por 31 Marzo, 2021Sin comentarios

Os Socialistas de Ribadeo reclaman unha solución para os veciños do Barrio da Torre, en Vilaselán. Así o avanzou a voceira socialista, Marta Rey, trala celebración plenaria do mes de marzo, na que interpelou ao Goberno Local sobre a ampliación deste vial. “O Concello recoñeceu que é  unha situación complicada, pero que tratan de solucionar”.

O Grupo Socialista tamén demandou, a través dun rogo, que se mellore a estrada da Costa, debido o mal estado no que se atopa. “Solicitamos que se acondicione de xeito provisional, aínda que sexa de maneira parcial, mentres non se actúa sobre a totalidade desta infraestrutura”, explican.

Ademais, “reclamamos a mellora do firme no barrio da Madanela (Villaframil), sobre todo na pista que pasa por diante da capela, e que se instalen novos puntos de luz, moi necesarios nesta zona”.

Nesta sesión plenaria, Marta Rey explicou que emprazou ao alcalde “a que se reúna con outros alcaldes da zona fronteiriza, para que propoñan de xeito conxunto que se suprima o peche perimetral, xa que está afectando moi negativamente ó occidente asturiano e o oriente galego. Todos queremos se cumpran as normas sanitarias, pero tamén queremos vivir e traballar, por iso, entre todos temos que buscar unha solución a situación que estamos vivindo por mor do peche, iso si, atendendo sempre as recomendacións sanitarias”, insistiu.

Dende a Agrupación Socialista de Ribadeo agredecen “a doazón por parte do veciño de Ove, Miguel Ángel Gómez Martínez, afincado en Londres, da escultura que leva por titulo Nave, que se instalará no cemiterio de Ove”.

No que se refire as mocións, apoiamos “a proposta de medidas fiscais e de reactivación na economía, xa que consideramos que son medidas reais, necesarias e asumibles por parte do Concello de Ribadeo”.  E sobre a iniciativa popular para reforzar a imaxe de Ribadeo, como porta de Entrada do Camiño, “abstivémonos xa que é unha moción simplista, con ideas pobres, e pouco significativas, para a diferenciación, internacionalización e a promoción que necesita Ribadeo, como chave de entrada a Galicia”, explicou Marta Rey.