Skip to main content
A Fonsagrada

O PSOE da Fonsagrada ironiza sobre o anuncio da Xunta de reformar o pavillón do instituto

Por 6 Marzo, 2021Sin comentarios

O PSOE da Fonsagrada emitiu un comunicado ironizando sobre o anuncio realizado recentemente polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, sobre a reforma que a Consellería de Educación ía facer no pavillón do IES Fontem Albei da localidade.

Os socialistas sinalan que é “unha estupenda nova” que “despois de máis de 20 anos de abandono e deixadez” o Partido Popular “se acorde” de reformalo a raíz da petición de cesión que fixo o Concello para facer nel unhas pistas de pádel.

No comunicado amosan tamén a súa sorpresa polo feito de que a Xunta denegara a cesión das instalacións argumentando que serán empregadas para “prácticas de ciclos formativos de FP”, cando no IES Fontem Albei non se imparte ningún módulo de formación profesional. “Non sabemos se, a Xunta, tras denegar no pasado sendas peticións por parte do Concello da Fonsagrada e os socialistas para a implantación de módulos de FP na vila rectificou agora, ou se soamente é un canto ao sol. Se é o primeiro será un éxito que poderá supor un importante empurrón para o municipio”, sinalan.