Skip to main content
A Fonsagrada

O monte Santa Juliana, da Fonsagrada, entra no Rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas parte do monte ‘Santa Juliana’, de titularidade da Sociedade de fomento forestal (Sofor) homónima e situado no concello da Fonsagrada.

Este monte conta cunha superficie de 187,97 hectáreas, das que se inscribirán no rexistro 45,69 hectáreas ocupadas por bidueiros, castiñeiros e cerquiños.

Deste xeito, a partires de mañá mércores,  calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo os documentos correspondentes a este expediente de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses.

O Goberno autonómico está a tramitar actualmente un total de 27 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto máis de 1.500 hectáreas de terreo. Destes expedientes, nove corresponden á provincia de Lugo, cinco á Coruña, sete á de Ourense e seis á de Pontevedra.

Ademais, na actualidade xa existen 18 masas inscritas no rexistro: oito na provincia de Lugo, dúas na da Coruña, tres en Ourense e cinco en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 1.550 hectáreas.

En Galicia existe, dacordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, o Goberno autonómico publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.