Skip to main content
LugoPalas de ReiPantón

A Deputación presenta o programa Lugo Termal, que ofrecerá un mínimo de 1.600 bonos

Por 18 Marzo, 2021Sin comentarios

Instalacións do balneario de Pantón

A Deputación aprobou, na xunta de goberno deste xoves, unha nova edición do programa Lugo Termal, unha das medidas incluídas no Plan de Impulso da Economía da Provincia que pretende apoiar aos sectores máis afectados polas restricións sanitarias ou tempo que se incide no benestar dos lucenses.

Lugo Termal ofrece descontos aos veciños da provincia nos balnearios de Lugo, Pambre e Pantón para facilitarlles o acceso a terapias a prezo reducido. Desta volta, explicou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, poderán beneficiarse dos descontos “todos os maiores de 50 anos, que ademais terán a posibilidade de acudir a estes establecementos cun acompañante que non teña necesariamente esa idade”.

Está previsto que o programa bote a andar no mes de xuño e que se manteña ata finais de ano. “Coa aprobación do Lugo Termal estamos traballando con previsión, tendo en conta que a día de hoxe os balnearios aínda están pechados. Tamén nos estamos adiantando a outras administracións, como a Xunta de Galicia, que aínda non anunciou  cal é a previsión sobre o seu programa de apoio a estes establecementos”, manifestou García Porto.

A presente edición do Lugo Termal ofrece un mínimo de 1.600 prazas, case 300 máis que o ano pasado. Destas prazas, 1.000 serán na modalidade de estancia e 600 na modalidade sen estancia.

As persoas que elixan quedar a durmir nos establecementos poderán estar 6 días e 5 noites en réxime de pensión completa. Neses días, inclúense 15 tratamentos como mínimo, con diferentes técnicas termais adaptadas a cada persoa. Os descontos serán cando menos de 60 euros por persoa beneficiaria. Ademais, os bonos  non se van condicionar a datas concretas, senón que o período será flexible para que se poidan aproveitar ao máximo ao longo do ano.