Skip to main content
Folgoso do CourelPedrafita

A Deputación adxudica a mellora da vía de Pedrafita a Seoane do Courel

Por 5 Marzo, 2021Sin comentarios

A xunta de goberno da Deputación de Lugo deu este venres o visto e prace ás obras do primeiro tramo da estrada provincial LU-P-1301, que une Pedrafita do Cebreiro con Seoane do Courel. As obras de mellora deste vial faranse en tres fases, co compromiso de que estarán rematadas ao final do actual mandato.

Os traballos, que se adxudicaron por 245.000 euros, suporán a ampliación da estrada, pasando de 4 a 6 metros de ancho. Mellorarase ademais a drenaxe e o pavimento da vía, así como a sinalización horizontal e vertical.

O presidente da Deputación, José Tomé, situou como “un compromiso como presidente e como responsable de Xestión Territorial” arranxar os seis quilómetros da estrada provincial de Pedrafita a Seoane “en tres anualidades”. O que se vén de adxudicar será o primeiro tramo no que se actúe, pero o responsable provincial asegurou que “no actual mandato” se procederá a arranxar os dous tramos restantes.

Tomé lembrou que a mellora deste vial era unha “demanda” dos veciños de Pedrafita, así como dos veciños do Courel e dos visitantes que se achegan á montaña lucense.

O presidente provincial fixo fincapé en que, no orzamento deste ano, a Deputación aumentou un 14% as partidas para estradas, ata os 16 millóns de euros. Neste senso, recalcou que “estamos facendo un importante esforzo económico no mantemento e na mellora dos 4.200 quilómetros da rede viaria provincial, a máis extensa de toda España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo”. En alusión ao Goberno autonómico dixo agardar que “se poña mans á obra”, en referencia a que tamén execute actuacións de mellora na estrada que vai de Seoane a Folgoso.