Skip to main content
MonterrosoPalas de ReiPortomarín

‘Camiño de Santiago I’, o obradoiro de emprego que pon en valor a ruta xacobea desde Portomarín a Palas

Por 15 Marzo, 2021Sin comentarios

O delegado da Xunta e o alcalde de Palas, con participantes no obradoiro

Poñer en valor a ruta xacobea ao seu paso polos municipios de Palas de Rei, Monterroso e Portomarín é o principal cometido do obradoiro de emprego ‘Camiño de Santiago I’, que leva a cabo actuacións vencelladas tanto co mantemento e conservación de espazos naturais como coa propia promoción da ruta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Palas de Rei aos alumnos-traballadores deste obradoiro, que teñen previsto actuar nos Chacotes e en zonas verdes da travesía do Peregrino, a praza de Galicia e as avenidas de Lugo e Compostela.

Tamén traballarán na área recreativa de Airexe (Ligonde), no municipio de Monterroso, e nas contornas das igrexas de San Pedro e San Nicolás así como nos parques Manuel de Blas e Parabéns, en Portomarín.

A maiores do módulo de mantemento de espazos verdes, que conta con catorce alumnos, o obradoiro imparte a especialidade de promoción turística local e información aos visitantes, con seis participantes.

A iniciativa, financiada pola Consellería de Emprego e Igualdade con 350.000 euros, ten unha duración de nove meses.

Ademais de facilitar o acceso ao mercado laboral das persoas desempregadas, os obradoiros constitúen un instrumento de colaboración cos concellos para mellorar servizos e infraestruturas municipais. “Neste caso”, dixo Arias, “darán un pulo ao Camiño de Santiago nun momento no que temos a vista posta no Xacobeo 2021-2022 como un dos piares máis importantes para dinamizar a nosa provincia cando as circunstancias sanitarias permitan reactivar o turismo”.