Skip to main content
Quiroga

Quiroga homenaxeará a súa Feira do Viño con actividades na Semana Santa

Por 6 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

Quiroga acollerá os vindeiros días 3 e 4 de abril unha serie de actividades en recordo simbólico da Feira do Viño, que este ano non se poderá celebrar na súa data habitual, na Semana Santa, pola actual situación sanitaria. A previsión é, se as condicións o permiten, trasladar o festexo aos días 24 e 25 de xullo.

Deste xeito, durante a primeira fin de semana de abril a localidade acollerá actividades “para recordar a festa máis importante dos quirogueses”. Entre elas, dúas exposicións. A primeira, unha homenaxe aos adegueiros que teñen pasado pola Feira do Viño de Quiroga ao longo da súa historia. Baixo o nome ’40 anos da Feira do Viño de Quiroga’ poderase ver unha importante colección de botellas dos caldos que acudiron a estes certames. Xunto a este preto de un milleiro de botellas que se expoñerán no Auditorio Municipal, estarán tamén os carteis anunciadores das distintas edicións da feira.

A outra exposición que se poderá ver, nesta ocasión na sala de exposicións da Casa da Cultura, é ‘O fin do Camiño’. A mostra compóñena dez grandes paneis que reflicten a visión humana e monumental dos camiños a Compostela.

MÚSICA

Ademais destas dúas exposicións, o sábado día 3 de abril, o grupo de gaitas local O Recanto fará unha alborada ás 12.30 horas, e a partires das 18.00 horas será o turno da charanga BB+, que recorrerá as rúas da vila.

Na xornada do domingo día 4 tampouco faltará a música. A banda de música Val Miñor dará un concerto, ás 13.30 horas, diante da Casa do Concello, despois de facer unha alborada. A partires das 18.00 horas, o grupo Troula Animación presentará o seu espectáculo de animación de rúa ‘O estraño caso do dentista da rúa Brasov’.