Skip to main content
Folgoso do Courel

A Anpa do Courel reuniu 8.000 sinaturas contra o plan de transporte escolar

Por 12 Marzo, 2021Sin comentarios

A asociación de nais e pais do colexio público do Courel deron por concluída a recollida de sinaturas para rexeitar o plan da Xunta para organizar o transporte escolar, coa que conseguiron reunir 8.000 rúbricas.

A suspensión da campaña vén dada polo recente anuncio do Goberno autonómico de anular e reiniciar o proceso de licitación do servizo de transporte para os dous próximos cursos, un procedemento que se atopaba paralizado desde o pasado mes de xaneiro despois das queixas de varios dos interesados no proceso, entre eles a comunidade escolar do Courel.

O servizo na zona prestábase con taxistas da localidade, aos que o proceso de renovación impulsado pola administración lles impediría manterse á fronte nos termos propostos. O colectivo de nais e pais criticaba ademais que o novo modelo obrigaría ao alumnado a realizar desprazamentos máis longos e establecía o uso dun tipo de vehículo inaxeitado para as vías da zona.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén de ditar agora unha resolución para suspender o proceso por erros detectados nos pregos, como ausencias de paradas necesarias ou vehículos non axustados ás estradas, entre outras cuestións.

A Anpa do Courel amosou o seu agradecemento pola cantidade de apoios recibidos na súa campaña.