Skip to main content
Folgoso do Courel

A Aula de Natureza do Courel acolle un obradoiro infantil o xoves

Por 29 Marzo, 2021Decembro 13th, 2022Sin comentarios

A Aula da Natureza do Courel, en Moreda, está a organizar o obradoiro infantil ‘Natureza, arte e xogo’, que se levará a cabo o vindeiro xoves, 1 de abril, de 11.00 a 14.00 horas. A actividade vai dirixida a nenos e nenas de 4 a 12 anos.

O obradoiro é de balde e as prazas son limitadas. Para participar, é preciso inscribirse chamando ao teléfono 669 90 60 30 ou a través do correo aulademoreda@gmail.com.

A aula da natureza reabriu esta fin de semana as súas portas, despois de permanecer pechada desde finais do mes de xaneiro por mor das restricións sanitarias fronte á covid.

Deste xeito, o centro volve ofrecer información sobre o medio natural e o patrimonio etnográfico da serra do Courel en horario de 10.30 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas. A instalación, que conta con paneis explicativos e diversos materiais, só poderá ser visitada por un máximo de catro persoas ao mesmo tempo.

Desde a aula da natureza, que depende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organízanse actividades divulgativas e de lecer, obradoiros de educación ambiental como o que se levará a cabo o vindeiro xoves, e mesmo roteiros guiados pola contorna.