Skip to main content
Cultura RIBEIRASACRAXAPantón

‘O fin do Camiño’ chega a Pantón

Por 24 Marzo, 2021Sin comentarios

O presidente do colectivo Egeria e a concelleira de Cultura inauguraron a mostra

A mostra ‘O fin do Camiño’, organizada polo colectivo Egeria e que conta coa colaboración do programa ‘O teu Xacobeo’, pódese ver xa na Casa da Cultura de Pantón. O horario de visita é de 10.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 20.00 horas, de luns a venres, e de 10.00 a 13.00 horas os sábados.

A exposición recompila fotografías de Eduardo Ochoa e Carlos Puga quenes, a través desas imaxes, “reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros“.

Cada un dos dez paneis dobres que compoñen a mostra inclúen ademais breves glosas á ruta xacobea de Urbano Lugrís, Dante, Frei Luis de León, Tirso, Machado ou Cunqueiro, entre outros.

Os textos están redactados en galego, castelán e inglés, e abordan o tema do ‘fin do camiño’ como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino a emprender este camiño milenario.

A mostra, que agora se pode ver en Pantón, chega á localidade no percorrido que durante este ano está a facer polos concellos polos que discorren os Camiños de Inverno, Primitivo, Norte e Vía Kunig. No ano 2019 a mesma exposición estivo nos concellos do Camiño Francés.