Skip to main content
Sober

A Feira do Viño de Amandi, que se prevé celebrar en agosto, xa ten cartel anunciador

Por 29 Marzo, 2021Marzo 31st, 2021Sin comentarios

Eduardo Pérez Baamonde, profesor de Debuxo en Vilalba, é o gañador do certame convocado polo Concello de Sober para elixir o cartel anunciador da Feira-Mostra do Viño de Amandi, que se prevé celebrar os días 11 e 12 de agosto. A data dependerá da evolución da pandemia e será consensuada coas bodegas da subzona de Amandi nunha reunión que se celebrará no prazo dun mes.

Un xurado presidido por Humberto Loureiro elixiu o cartel gañador de entre as 25 propostas recibidas e que chegaron de diferentes puntos de España, como Canarias, Cataluña, País Vasco, Baleares, Asturias, Castela-León ou A Rioxa, se ben o grupo máis numeroso chegou da propia comunidade.

A proposta gañadora foi a titulada ‘Filiberto Estroncio’ da autoría de Eduardo Pérez Baamonde. Resultaron finalistas os traballos ‘Con moito mimo’ de Isabel Núñez Montero, de Pontevedra, que resultara gañadora no ano 2020; ‘Sabor y Color’ de Alfonso Giménez Ventura de Betxi (Castellón); ‘Amandi Vista Satélite’ de Maica Otero Cores, da Illa de Arousa; e ‘Camiños Rosados’ de Codés Lillo Irimia, de Lourenzá.

Como gañador do certame, Eduardo Pérez Baamonde recibirá 600 euros, un diploma e un lote de viño de Amandi, e o seu cartel será a imaxe da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi. Os finalistas recibirán tamén un diploma, un lote de viño de Amandi e os seus carteis estarán nun lugar destacado na exposición que se organice con todos os orixinais participantes no concurso.

Eduardo Pérez Baamonde, no seu estudo

Pérez Baamonde é natural de Vilalba e exerce como profesor de Debuxo no Ensino Medio. Amante do deseño gráfico e da pintura empeza a crear imaxes e a expoñer a principios dos oitenta. Nos últimos anos participa con asiduidade en diversos certames acadando varios premios e recoñecementos. Tamén destaca a súa actividade como ilustrador.