Skip to main content
Begonte

A Deputación pediralle á Xunta que manteña o colexio de Baamonde

Por 30 Marzo, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo pediralle á Xunta de Galicia que manteña aberto o colexio público de Baamonde, en Begonte, e manifesta o seu apoio á veciñanza e á Asociación de Nais e Pais de Alumnos, que demanda que non se pechen estas instalacións educativas. Así o acordou este martes o Pleno provincial, cos votos en contra do Partido Popular, a raíz dunha moción presentada polo PSdeG.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, asegurou que “o que non podemos é querer fixar poboación no rural quitándolle servizos públicos porque son cuestións contraditorias que van en contra das familias e dos pequenos, que estamos vendo como se están matriculando no CEIP Santo Estevo de Parga”. Avanzou tamén ao inicio da sesión plenaria que “neste caso pode haber intereses privados detrás desta decisión da Xunta”.

A reclamación vai dirixida á Consellería de Educación co fin de que garanta o mantemento do colexio, que desbloquee a matrícula para o próximo curso e que aclare os plans do Alcalde de Begonte. “Resulta insólito que un Alcalde do rural queira pechar unha escola pública”, subliñou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. “O Conselleiro de Educación xoga ó despiste, pero coa súa inacción deixa avanzar a política de feitos consumados do Alcalde”.

Para García Porto, “o que acontece en Begonte é un novo episodio, moi grave, de ataque ós servizos públicos no rural por parte dos alcaldes e da Xunta do PP. É inaceptable que se recorten servizos no rural cedendo un edificio público a unha iniciativa privada”.

A Deputada subliñou que “non queda claro quen vai gañar con esta decisión porque está claro que o alumnado non gaña, tampouco as familias, nin os docentes e incluso o Alcalde ten manifestado que podería perder concelleiros por este peche. Polo tanto, o pobo de Baamonde non gaña nada”.

Durante o debate, Pilar García Porto instou a que se aclare o proxecto de dotar a Begonte, Rábade e Outeiro de Rei dun Conservatorio de grao medio que fora anunciado en febreiro do ano pasado por Armando Morales, director da escola de música. Segundo as súas declaracións, a Xunta de Galicia tiña comprometida unha inversión de 360.000 euros para a compra dun edificio que albergaría o Conservatorio. Sen embargo, a finais de ano, o Alcalde fixo seu o proxecto e presentou ós veciños un plan que contemplaba o peche do CEIP de Baamonde para dedicar o edificio á ensinanza musical.

“Para incrementar a confusión, a Asociación Músico Crisanto, da que depende a actual escola de música, anunciou que o próximo curso disporá das novas instalacións no colexio de Baamonde. Todo iso sen que o DOG teña publicado ningunha resolución oficial sobre un posible peche ou a desafección do centro”.