Skip to main content
Castro de Rei TERRACHÁXA

Proban en Rozas a eficacia dos drons na loita contra incendios

Por 7 Marzo, 2021Sin comentarios

O Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) do polo aeroespacial de Galicia foi escenario dun ensaio de voo do sistema Fulmar para demostrar as súas posibilidades á Dirección Xeral de Defensa do Monte para a loita contra incendios forestais.

O obxectivo é empregar estes vehículos para mellorar e modernizar o operativo e a súa eficacia en ámbitos como os tempos de reacción ou a organización do dispositivo. Os drons ofrecen claras vantaxes no relativo á optimización dos procesos de toma de decisións no escenario dos lumes de última xeración (de maior virulencia e que afectan á interface urbano-forestal), dentro dunha estratexia xeral de mellora global da eficacia do servizo.

Estes vehículos non tripulados xa se están a utilizar en tarefas de vixilancia, disuasión e como apoio á extinción de lumes.

 

Agora estúdase a implementación a futuro de novas aplicacións e tecnoloxías neste eido. Así, os vehículos operados nesta visita a Rozas teñen aplicacións, ademais de nos labores xa mencionados, no control dos permisos de queimas de restos agrícolas e forestais, así como na supervisión de indicadores ambientais para o establecemento do Índice de Risco Diario de Incendios (IRDI), entre outras moitas funcionalidades.

O sistema Fulmar foi deseñado e producido pola empresa Thales España e a firma Wake Engineering do Grupo CPS. Cada sistema está composto por dous avións tripulados remotamente e tamén dispón dunha estación de control en terra con dous postos, un para piloto e outro para o operador de carga útil.

Este sistema utiliza un lanzador neumático que permite graduar a forza do lanzamento segundo as condicións do vento e poder configurar a velocidade de salida do dron.