Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta denuncia impagos á traballadoras da limpeza

Por 13 Marzo, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta volve saír ao paso da situación laboral das traballadoras do servizo de limpeza en colexios e instalacións municipais. Logo de censurar a aposta do goberno do PSOE polo “mesmo modelo de xestión privada do PP”; a formación denunciou hoxe o “inxustificable” retraso do Goberno, en relación cun proceso de licitación de cuxo remate “depende que as traballadoras cobren, toda vez descartada a xestión pública.”

Unha crítica, na que afondou o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, cualificando de intolerable a “abraiante falta de planificación” dun Goberno Municipal, “perfectamente coñecedor da situación límite das traballadoras, así como dos propios tempos da contrata.”

Renda, que censurou especialmente que o Goberno “nin tan sequera fora capaz de cumprir cos prazos do modelo de xestión privada polo que apostou”, responsabilizou ao executivo local dos “impagos posteriores ao vencemento do último contrato”. Unha situación “absolutamente límite”, que dependendo dos casos, “vai dende os 4 aos 7 meses.”

Neste senso a petición de comparecencia que dende o Grupo Municipal de Vilalba Aberta veñen de presentar de cara ao Pleno Ordinario deste mes. Unha interpelación directa, tanto á responsabilidade da Alcaldesa coma á do edil de servizos, a fin de que o Goberno Municipal “dea conta” diante dunhas traballadoras ás que definiron como as “únicas garantes da calidade da prestación”.

Así mesmo, o voceiro de Vilalba Aberta volveu facer fincapé, tamén, na “pasividade e desidia municipal” en relación coa necesaria aprobación dunha R.P.T (Relación de postos de traballo) para o Concello de Vilalba.

Un instrumento organizativo, que tal e como lembrou “permite ás administracións estruturar o persoal ao seu cargo en función da necesidade dos servizos que teñan”, o que “abriría a porta á prestación directa”.