Skip to main content
Uncategorized @gl

Quiroga contará cun mural do artista Iván Floro grazas á colaboración cidadá

Por 5 Abril, 2021Outubro 31st, 2021Sin comentarios

A asociación Quiroga en Marcha vén de pechar a campaña que iniciara a finais do pasado mes de marzo co fin de recadar os fondos necesarios para levar a cabo o seu novo proxecto: incluír no museo de arte urbana de Quiroga un mural de grandes dimensións realizado por Iván Floro.

A obra localizarase no lateral do edificio que acolle o supermercado O Roxo, na Rúa Real da localidade.

Quiroga en Marcha desexaba que o novo mural o realizase Floro, “un dos maiores novos talentos da pintura na actualidade, e que ten realizado múltiples intervencións, sendo ademais o autor das últimas portadas dos discos de C-Tangana”, explica o colectivo.

Espazo que acollerá o novo mural

A realización do traballo tería un custo duns 2.300 euros. Os veciños do inmoble onde se prevé realizar o mural fixeron as súas achegas, o Concello comprometeuse a asumir os gastos do guindastre e o propio colectivo aboará o aloxamento do artista pero, aínda así, faltábanlles uns 900 euros, que conseguiron reunir en pouco máis dunha semana grazas á colaboración cidadá.

Quiroga en marcha agradece “enormemente” a axuda a todas as persoas que realizaron algunha achega que, como mostra de agradecemento, recibirán unha fotografía do mural cando estea rematado co seu nome na parte posterior.