Skip to main content
Uncategorized @gl

A Igrexa da Ermida de Quiroga acolle a lectura do decreto da concesión da Coroación Canónica da Virxe

Este domingo, ás 10.30 horas lerase, na igrexa da Ermida, o decreto da concesión da Coroación Canónica da imaxe da Nosa Señora dos Remedios venerada na Igrexa Parroquial de Santa María da Ermida, un acto de coroación que se levará a cabo o 9 de setembro.

Mentres, seguen os traballos de restauración da Virxe da man do restaurador malagueño Francisco Naranjo, que se encargou de que a imaxe luza nova aspecto soamente facendo unha limpeza superficial, retirando da maneira menos invasiva posible, a sucidade acumulada ao longo dos anos. Este traballo xa recibiu á aprobación da Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia.

A imaxe da Virxe que se venera coa advocación dos Remedios, esconde debaixo da túnica e do amplo manto co que está revestida unha imaxe de alabastro medieval de orixe inglesa. O único á vista dos fregueses é a cabeza e unhas mans que van cosidas á túnica.

Esta peza de alabastro é unha escultura de principios do século XV que conserva pálidos restos de policromía. Esta imaxe mide soamente 45 centímetros de altura polo que se construíu unha base para darlle altura e un soporte para colocarlle unha dobre coroa.

A delicadeza do alabastro propiciou que o metela nas andas para saír en procesión deteriorara á imaxe polo que se creará un novo soporte que posibilite a súa exposición, á vez que permita poñer a coroa e o manto sen tocar a peza.

Ademais da limpeza, tamén se realizou o escaneo da imaxe para realizar unha réplica en 3D que se utilizará para crear o soporte que a sosteña, o que permitirá traballar sen deteriorar máis a peza orixinal e soamente colocar a virxe unha vez estea rematado.