Skip to main content
Axenda Caducada

Chantada acollerá o programa Camiños de Coñecemento e Experiencia

Por 22 Abril, 2021Maio 28th, 2021Sin comentarios

O Concello de Chantada acollerá nos días 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de maio o Programa Universitario de Maiores da Universidade de Santiago de Compostela que leva por título ‘Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento’.

No programa inclúense seminarios sobre diversas temáticas e sesións prácticas impartidas por docentes da USC. A actividade está dirixida á poboación de Chantada de máis de 50 anos.

Para participar é preciso inscribirse na Casa da Cultura de Chantada, onde os interesados e interesadas tamén poden obter máis información da iniciativa. Para iso poden chamar por teléfono o 982441752 en horario de 9:00 a 15:00 ou ir en persoa a propia Casa da Cultura. 

Contido

Os seminarios realizaranse todos en horario de tarde, de 16:30 a 18 horas. O primeiro deles será o 20 de maio e versará sobre ‘Especies invasoras’. O día 21 farase unha visita ao Monte Faro.  O 25 de maio será quenda do seminario ‘Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro… Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Chantada’, o 26 farase un novo seminario ‘Manexo do móbil na era dixital’. O 27 será o turno dunha visita ao Castro de Arxeriz. A última xornada será o día 28 cun obradoiro práctico de manexo do móbil na era dixital.

Metodoloxía

A metodoloxía é de corte participativa e aberta, onde os docentes universitarios desenvolven dúas sesións de docencia, unha teórica (onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e unha práctica cunha actividade de visita guiada, obradoiro…; sendo unhas sesións de corte humanístico e outras de carácter científico.

Obxectivo

O programa pretende favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundindo o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos das comarcas colaboradoras no proxecto.