Skip to main content
Paradela

Retómase o proxecto sobre a traxectoria do escritor de Paradela Manuel Rodríguez López

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

Unha nova web repasa a vida e obra do escritor paradelense

O proxecto Manuel Rodríguez López, centrado na vida e obra do escritor de Paradela, vén de retomarse coa posta en marcha dunha nova web. O proxecto está impulsado por Galicia Digital e a familia do autor, e conta coa colaboración do Concello de Paradela, a Deputación de Lugo, o colectivo Egeria, a Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Manuel Rodríguez López é fillo predilecto de Paradela, e dá nome á Casa de Cultura da localidade e a un certame literario.

A web que se vén de estrear supón, segundo os seus promotores, unha “profunda transformación” respecto á plataforma anterior, un cambio encamiñado a adaptala ás novas tecnoloxías e ás tendencias actuais en deseño web, así como a facela máis accesible.

A través dunha ampla colección de documentos, fotografías, vídeos, audios e recortes de prensa, o portal reflicte a intensa actividade literaria e intelectual de Manuel Rodríguez López. “A nova web do proxecto Manuel Rodríguez López, unha das máis completas webs que teña un escritor galego, recolle a súa obra completa e a información máis destacable da súa existencia, e segue recibindo a día de hoxe máis de 100 visitas diarias”, aseguran.

O proxecto compleméntase con diversas publicacións, como o libro ‘Manuel Rodríguez López, 25 anos despois’, que
recolle traballos de 50 personaxes destacados da cultura galega sobre a figura do escritor, e cunha exposición itinerante que percorreu nos últimos 8 anos máis de 20.000 quilómetros, pasando por numerosas cidades e vilas galegas, do resto de España, e mesmo de Portugal. A exposición itinerante sobre a vida e obra de Manuel Rodríguez está formada por 16 paneis informativos, que poden verse tamén na web do proxecto.