Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXAPalas de Rei

17 empresas optan á executar as obras da estrada entre Friol e Palas

Por 21 Abril, 2021Sin comentarios

A Xunta vén de recibir 14 ofertas para executar as obras da 1ª fase das obras de mellora da estrada LU-231, entre Friol e Palas de Rei.

Destas 14 ofertas presentadas, 3 delas están conformadas por UTE, o que supón un total de 17 empresas.

Esta actuación conta cun investimento autonómico de preto de 2,8 millóns de euros, incluídas as expropiacións das 222 fincas necesarias para acometer o acondicionamento da vía. As obras disporán dun prazo de execución de 12 meses.

Nestes días están a desenvolverse os actos expropiatorios de levantamento de actas previas. En concreto, no concello de Friol xa foron citados os propietarios dos terreos necesarios para acometer esta obra os pasados días 15, 16, 19 no salón de actos do Centro Sociocultural do municipio, convocatoria que remata hoxe. Mañá, día 21 de abril, están convocados os titulares dos terreos situados no termo municipal de Palas de Rei, no salón de plenos da Casa do Concello.

Posteriormente, no mes de xullo, efectuarase o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Friol estes actos están convocados para os días 5, 6 e 7 de xullo, novamente no salón de actos do Centro Sociocultural. En Palas de Rei, os titulares dos terreos están citados o día 8 de xullo, tamén no salón de plenos do Concello.

A actuación

As obras impulsadas pola Xunta céntranse no acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto recolle melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en fase de supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar, xunto coa estrada provincial LU-P-1611, un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.