Skip to main content
A FonsagradaCastroverdePol LUGOXAPol TERRACHÁXARibadeoTrabada

Os Centros de Atención a Maiores da Deputación editan unha nova revista

Por 27 Abril, 2021Sin comentarios

Os usuarios da Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación de Lugo recibiron esta fin de semana unha nova edición da Revista dos CAM. O contido da publicación está realizada polos propios residentes, onde relatan historias persoais e se inclúen creacións literarias e diversas actividades e obradoiros. 

A revista recolle testemuñas das persoas que viven nos cinco centros provinciais de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada e Castroverde. O Presidente, José Tomé Roca, explica a importancia desta revista, “que serviu como incentivo para manter o ánimo dos usuarios e usuarias nestes tempos tan complicados para eles e elas, e ademais é un bo xeito de que exerciten a súa memoria, a capacidade de atención, a creatividade, propicia o traballo en grupo e o sentimento de comunidade, ademais todo o que escriben queda recollido nesta composición, o que lles permite ler e reler os textos as veces que queiran”. 

Esta publicación, que xa edita a súa terceira edición, foi distribuída nos centros de xeito impresa e subida en formato dixital á páxina web da Deputación de Lugo estrutúrase en varias seccións como entrevistas a dous traballadores do CAM de Trabada e Pol de cada un dos centros para coñecer as súas funcións. Recolle producións literarias en forma de poesía, narrativa e contos escritos polos residentes. Así mesmo, inclúese unha entrevista cun dos mellores tocadores de birimbao e gaiteiro de Galicia, residente do CAM da Fonsagrada. 

Fotografías de diferentes momentos importantes vividos nos últimos meses en cada un dos centros de maiores, declaracións dos usuarios e usuarias con historias das súas vidas laborais, historias persoais ou de xeitos de vida que lembran en primeira persoa. Un recetario que inclúe a Torta de Mondoñedo e falan das comidas típicas de entroido. Tamén, hai un apartado de saúde, uns pasatempos, adiviñanzas e refráns, e os aniversarios nos vindeiros meses.

O presidente tamén puxo en valor o traballo do conxunto do cadro de persoal que traballa nos centros de maiores provinciais. “Os equipos que forman parte da rede provincial de residencias e as súas direccións están moi involucrados coas persoas e, proba disto, é esta revista que xa vai pola súa terceira edición e que dá mostra das horas e dedicación individualizada que dedican, xunto cos coidados persoais. Un traballo que este ano se fixo aínda máis complexo dadas as circunstancias, pero que sacaron con ledicia e ilusión, como xa viñeron demostrando nas últimas datas”, sinalou Tomé Roca.