Skip to main content
As PontesComarca AMARIÑAXA

Ecoloxistas aseguran que a central das Pontes e Alcoa son os maiores emisores de CO2

Por 15 Abril, 2021Sin comentarios

A pesar do acusado descenso da súa actividade, a central de carbón das Pontes (Endesa) segue a ser unha grande fábrica de crise climática. Durante 2020 emitiu un millón de toneladas de dióxido de carbono (CO2). Só outra industria en Galicia, a planta de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao, superou moi lixeiramente esta cifra.

A produción eléctrica nas centrais de carbón galegas diminuíu o 45,5% en 2020. Ademais, en xullo apagouse a central de Meirama (Naturgy). Como resultado da súa menor produción, as emisións de gases causantes de cambio climático das térmicas de carbón baixaron de 2,5 a 1,5 millóns de toneladas entre 2019 e 2020 (1). A central de carbón das Pontes emitiu un millón de t de CO2 en 2020, fronte a 2,3 millóns en 2019. A central de Meirama, malia estar operativa só no primeiro semestre, incrementou a súa achega á emerxencia climática global desde 230.000 en 2019 a 530.000 t o ano pasado. Malia a diminución da súa actividade, as centrais das Pontes e Meirama volveron estar en 2020 entre as cinco industrias galegas con maiores emisións (ver táboa ao final do comunicado).

O oco na produción eléctrica deixado polas centrais de carbón galegas está a ser cuberto polo descenso da produción, o gas fósil e as enerxías renovábeis (2). O gas fósil, tamén denominado gas natural, non é un combustíbel limpo e contribúe á crise climática. Por iso, cómpre ir limitando todo o posíbel o seu papel como enerxía de respaldo, para abandonar o seu emprego na xeración eléctrica antes de 2030.

Por segundo ano consecutivo, a xeración eléctrica nas centrais térmicas de ciclo combinado con gas fósil das Pontes (Endesa) e Sabón (Naturgy) superou a obtida a partir do carbón. Pero mentres as chemineas das centrais de carbón emitiron 1,5 millóns de t de CO2 para xerar 1.350 GWh, os ciclos combinados emitiron 850.000 t de CO2 para producir 2.200 GWh.

A queda no consumo eléctrico provocada pola covid-19, unida ao aumento da xeración renovábel, fixo que a suma das emisións das centrais termoeléctricas de carbón e de gas fósil volvese diminuír en 2020, até seren o 82,7% menores que en 1990. Polo tanto, en 2020 ficou amplamente superado o obxectivo de redución de emisións de gases de invernadoiro das centrais térmicas proposto na Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 do Goberno galego para 2030 (-54,3%). E mesmo situámonos a non moita distancia do proposto para 2050 (-98%). O que proba a enorme falta de ambición climática da Xunta, nomeadamente no relativo á descarbonización da xeración eléctrica.

Pero é que tamén o obxectivo de redución das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático para 2030 foi alcanzado xa en 2019. A estratexia climática da Xunta confórmase cunha redución do 24,6% das emisións en 2030, en comparación con 1990. Aínda que polo de agora non se dispón de datos oficiais, todo apunta a que en 2019, por causa da caída na queima de carbón, xa se teña atinxido ese obxectivo (3). E que, sen dúbida, se teña superado en 2020, sobre todo polos efectos da COVID-19 mais tamén polo menor uso do carbón e o aumento das renovábeis na xeración eléctrica.

A plataforma Galiza, un futuro sen carbón defende un recorte das emisións totais de Galicia do 65% en 2030, a máis tardar. Para o acadar, cómpre deixar de queimar combustíbeis fósiles na xeración de electricidade, mais iso non sería dabondo. Reclamamos tamén que se tomen medidas urxentes noutros ámbitos como o transporte.

Incerteza sobre o peche total da central de carbón das Pontes en 2021

Endesa confirmou a súa intención de pechar, xa este mesmo ano, a central de carbón das Pontes. Porén, as institucións galegas e o Goberno estatal aínda se aferran á insustentable “alternativa” da co-combustión de carbón e residuos orgánicos (“biocombustíbeis”) para tentaren alongar a vida dun ou dous dos catro grupos que a forman.

Desde a plataforma Galiza, un futuro sen carbón demandamos o peche total e definitivo da central das Pontes e a aceleración da elaboración dos Convenios de Transición Xusta para as áreas de influencia socioeconómica das centrais de Meirama e As Pontes.