Skip to main content
Vilalba

O PSOE de Vilalba acusa ao PP de mentir sobre a colocación dun pivote

Por 26 Abril, 2021Sin comentarios

O goberno socialista de Vilalba sae ao paso dunhas acusacións emitidas polo Partido Popular local ao respecto da colocación dun pivote na rúa Alcalde Fraga Bello, afirmando que “o goberno coloca pivotes para acceder a un aparcadoiro privado a gusto dun familiar directo dun concelleiro”. Así se recollía nas redes sociais dos populares, unha acusación directa que era desmentida por varios veciños e veciñas afectados.

A realidade dista moito desta difamación verquida polo partido que dirixe Sandra Vázquez, concelleira de goberno na pasada lexislatura, “momento no cal a comunidade de veciños rexistrou unha solicitude formal ante o concello para a supresión desa praza que impedía sacar os vehículos do garaxe”, explican. Catro anos despois desa solicitude e cun informe da policía local que recolle dita problemática, o goberno actual aplicou unha solución temporal para a comunidade de veciños que empregan este garaxe e, por suposto, pagan o vado, para facilitar a saída dos coches “que moitas veces se facía imposible”.

En primeiro lugar, “a señora Vázquez e os demais responsables do PP terán que explicar porqué non deron unha solución cando gobernaban, aínda que o máis grave é que polo que parece descoñecen este reclamo veciñal e o usan para atacar, nin sequera a un concelleiro, senón a familiares que por diversas circunstancias non poden defenderse a nivel público”.

Os socialistas lamentan “que o Partido Popular estea levando a política ao nivel máis baixo, sen ningún tipo de ética, indo a por concelleiros de goberno e atacando a nivel persoal con falacias”. Neste senso, aseveran que tomarán as medidas que consideren oportunas.