Skip to main content
Ribadeo

Profesores e alumnos do CIFP Porta da Auga ribadense protestaron contra a Lomloe

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

Profesorado e alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, concentráronse na entrada do centro e gardaron un minuto de silencio para protestar contra a nova lei educativa do Goberno estatal, a LOMLOE, porque extingue o corpo de profesorado técnico da FP, o que consideran que terá graves consecuencias para o futuro da Formación Profesional.

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explicou que esta mobilización, baixo o lema De costas á LOMLOE, fixérona “porque a nova lei de educación, na súa disposición adicional undécima, extingue o corpo de profesorado técnico de Formación Profesional (PTFP), que son aqueles docentes que a día de hoxe non teñen un título universitario dado que non existen esas especialidades na formación universitaria, como pode ser en servizos de restauración, cociña e pastelería, estética, perruquería, soldadura, fabricación e instalación de carpintería e moble, mantemento de vehículos, mecanizado e mantemento de máquinas, patronaxe e confección, produción en artes gráficas e incluso outras como edificación e obra civil. Temos un caso precisamente aquí, no Porta da Auga, dun compañeiro que leva 19 anos impartindo docencia, pero non ten esa titulación universitaria que agora requiren para poder seguir exercendo, a pesar de que é un profesional sobradamente cualificado que, por ser especialista, cumpre perfectamente os requisitos da docencia nos módulos profesionais que se imparten no ciclo que estamos ofrecendo no Porta da Auga”.

Isidro Berdeal destaca que “o profesorado técnico de FP segue sendo imprescindible para unha Formación Profesional de calidade porque o que pretenden implantar coa LOMLOE é que simplemente polo feito de ter un título universitario, sen desmerecer para nada esas titulacións, poida impartirse docencia en especialidades que son eminentemente prácticas e técnicas, con cal en ningunha universidade van adquirir os coñecementos necesarios para impartir desde un punto de vista técnico e práctico esa formación profesional. Encima o Ministerio non está atendendo as suxestións das distintas comunidades autónomas, das consellerías de Educación, para corrixir isto. Aprobou a LOMLOE de costas ao que se lle estaba dicindo e están a desenvolver unha lei orgánica de Formación Profesional e seguen sen atender as suxestións que se fan desde as comunidades autónomas. Por iso o que pretendemos é facernos oír e que lle chegue ao Goberno a nosa postura polas graves consecuencias que isto ten para a Formación Profesional porque unha FP de calidade, que é o que pretendemos, depende de que continúe habendo ese corpo de profesorado técnico; se non é unha morte anunciada dunha Formación Profesional de calidade”.