Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

Os populares reclaman un plan industrial para o rural como Riotorto

Por 31 Maio, 2021Sin comentarios

Os populares din que agora que empeza a recuperación económica é o momento de accións directas, como é a creación de solo industrial, da man do tecido económico lucense.

De maneira inexplicable, o goberno provincial demostrou ata agora unha total falta de sensibilidade para asumir os compromisos establecidos pola extinta sociedade Suplusa con concellos de Lugo para a creación de solo industrial. O PP non logrou convencer ata agora ao bigoberno da Deputación para impulsar un plan industrial para o rural lucense. Dende Riotorto, hoxe, o portavoz popular, Javier Castiñeira, “anuncia que o PP presentou unha moción para que sexa debatida no próximo pleno, para instar ao goberno provincial a que deseñe un plan industrial para o rural lucense”.

Explica Castiñeira: “Dicímolo dende Riotorto porque é un dos concellos que ten feito o seu traballo. Aproveitando que a Deputación  herdou o patrimonio de Suplusa, é o momento de  levar a cabo este polígono; este é o momento da reactivación económica, é o momento de executar este proxecto”.

Os populares lembran que “non fomos capaces de convencer  ao equipo de goberno para que seguira  con eses máis de 30  convenios que tiña firmados Suplusa para desenvolver solo industrial; non logramos ese compromiso”. Sinalan: “Agora que todos os medios e recursos que eran de Suplusa pasaron directamente á Deputación instamos ao goberno provincial, aproveitando a recuperación, a crear un plan industrial serio; queremos que se comprometa a seguir con todas eses convenios”.

Castiñeira di: “Riotorto é un deses concellos nos que podería ser inmediata a construción dun polígono. Só é cuestión de vontade, algo que ata agora non tivo o goberno provincial; sería moi boa noticia que cambiara de opinión e puxera fondos para crear o polígono industrial de Riotorto”.

Facemos esta proposta de maneira positiva e intentando convencer ao goberno da  Deputación de que a forma de reactivar a economía da provincia é con accións directas, da man do noso tecido económico, dos nosos emprendedores e de numerosas pemes e autónomos que queren seguir traballando na nosa provincia e para elo deben ter oportunidades, como son as que quere o PP creando este plan industrial para o rural”.