Skip to main content
Sarria

Continúa o éxito da exposición Aquela nena de Sarria

Por 13 Maio, 2021Sin comentarios

42 serán as capitais e poboacións galegas que ata finais do presente mes de maio terán recibido a visita da exposición Aquela nena de Sarria, promovida polo Colectivo Egeria que iniciou o seu percorrido en Sarria o pasado 4 de marzo, data na que Xela tería cumprido 59 anos. 

En principio, a exposición estaba concibida como unha mostra itinerante, que visitou primeiro os centros educativos de Sarria e comarca, totalizando neste momento 16 localizacións en centros educativos e institucións, que serán 19 ao final do presente mes. 

O elevado número de peticións que se foron recibindo de institucións interesadas en recibir esta mostra, obrigaron a confeccionar outras varias mostras a xeito de prismas cuadrangulares, das que once se situaron fixas en dependencias da Real Academia Galega, Mupega, e outras institucións. E outras, de xeito itinerante foron situadas ata agora en 6 centros educativos, que serán 12 ao final do mes de maio. A exposición, nos dous formatos indicados, seguirá a percorrer Galicia ata finais do presente ano. 

Exposición Aquela nena de Sarria

Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do Fillo de Antón de Marcos, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de Vilariñas, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra, que ten carácter itinerante, visitou en primeiro lugar os centros educativos do Concello de Sarria, e comeza agora o percorrido polo resto da provincia de Lugo e de Galicia, sendo o último destino ata agora en Santiago, no Instituto Rosalía de Castro.