Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

O Consello da Xunta aproba a folla de ruta do Polo Aeroespacial de Rozas

Por 21 Maio, 2021Sin comentarios

O Consello da Xunta avaliou a folla de ruta programada para o Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025, que fixa como principais prioridades a consecución dun triplo marco estratéxico: o desenvolvemento industrial da rexión; o fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras a través da xeración e transferencia de coñecemento ao mercado –o que permitirá a comercialización dos produtos e solucións innovadoras–; e a creación de emprego de calidade, podendo acadar ata os 3000 postos de traballo. Deste xeito, o Polo contribuirá á recuperación económica galega aliñándose, ademais, coas metas a nivel estatal e europeo deste período co obxectivo de crear riqueza non só a curto prazo, senón para crear as tecnoloxías, mercados e empregos do futuro.

Baixo este triplo marco estratéxico desenvolveranse unha trintena de actuacións, baseadas na colaboración institucional e público-privada, que abranguen desde o financiamento de grandes programas de I+D na busca de tecnoloxías disruptivas á realización de actividades escolares para promover as vocacións científicas, pasando pola compra de solucións baseadas nestas tecnoloxías para os servizos da Xunta, o impulso do aeródromo de Rozas como polo aeronáutico coa mellora das súas infraestruturas ou o apoio ás empresas galegas desta industria coa apertura cara a novos mercados. Neste sentido, un dos obxectivos é estender o impacto do Polo fóra de Galicia impulsando a creación de mercados públicos e privados para as solucións desenvolvidas polas empresas galegas.

A Xunta xa ten comprometidos para este período preto de 70M€ dos que 40 se destinarán a licitación de compra pública precomercial que será publicada ao longo do mes de xullo. Ademais, trátase dun dos proxectos tractores que integran a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, polo que se finalmente o Goberno central accede a que o Polo Aeroespacial poida formar parte deste programa europeo, esta iniciativa tería a oportunidade de mobilizar ata 540M€ a través da colaboración público-privada.

Entre os resultados que se espera obter, destacan a atracción de 4 a 6 empresas tractoras, a implantación de 20 novas solucións tecnolóxicas que permitan á Xunta mellorar a eficacia, eficiencia e seguridade dos seus servizos, a sinatura de, polo menos, cinco acordos de I+D en compra de solucións entre grandes compradores privados, así como a creación de 24 novas empresas.

Con este conxunto de medidas búscase impulsar o crecemento económico da Comunidade así como a súa cohesión; consolidar Galicia como unha rexión de referencia en Europa no segmento dos vehículos aéreos non tripulados, atraer empresas líderes para que invistan en Galicia e favorecer a comercialización e internacionalización dos produtos e servizos desenvolvidos polas empresas do sector aeroespacial.

A Xunta agarda, ademais, que o Polo se converta nun elemento clave para avanzar tanto na transformación dixital como na transición ecolóxica. De feito, trasladaranse novos retos para o sector público e privado que poidan ser resoltos desde o investimento industrial e a I+D, como unha mellor atención á dependencia e á xestión de emerxencias, a modernización do agro ou a seguridade turística; tamén retos relacionados coas novas demandas tecnolóxicas, ou o desenvolvemento de drons libres de emisións que poidan estar ao servizo da xestión sustentable dos recursos forestais, a biodiversidade ou a auga, a mobilidade limpa ou as enerxías renovables.

Deste xeito, a Xunta mantén o seu compromiso co impulso desta industria e, en concreto, co Polo Aeroespacial de Galicia, un proxecto que, desde a súa posta en marcha en 2015, xa permitiu mobilizar un investimento de 164M€ e contar coa participación de 937 profesionais e medio cento de pemes e centros de coñecemento galegos, ademais da implicación de tres compañías referentes no sector como Indra, Babcock e Boeing.