Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz conta con 15 establecementos na plataforma de venda on line

Por 18 Maio, 2021Maio 19th, 2021Sin comentarios

A plataforma de ventas www.ruralsell.com xa conta cos primeiros 15 establecementos de Guitiriz, que poderán vender os seus produtos na rede e de xeito gratuíto grazas ao convenio asinado polo Concello de Guitiriz coa asociación Envaco (Emprende, Valoriza e Compite).

A día de hoxe está en marcha a fase de captación e adhesión a esta iniciativa e, polo momento, hai outras 36 empresas pendentes de darse de alta, o que significa que o 36% do tecido empresarial do municipio pronto poderá comezar a vender os seus produtos a través desta plataforma.

Para iso, está habilitada a páxina web https://mercadodixitaldeguitiriz.com/ onde cada local terá unha ficha propia. Polo momento este espazo consta dun formulario de inscrición para os interesados ou interesadas en unirse ao programa.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, visitou esta semana, acompañada de representantes da plataforma, a 3 empresas para entregarlles un adhesivo que acredita que forman parte da plataforma. A rexedora explica que “o que nos gustaría é chegar, polo menos, ao 60% do tecido empresarial” e lembra que “o primeiro ano será gratis para as empresas que decidan unirse e, para as que continúen nun segundo exercicio, a taxa terá unha rebaixa do 50%, podendo ser asumido o custe polo Concello”.

Detalles de Ruralsell

Os requisitos para formar parte deste proxecto son: estar censado no Concello de Guitiriz, dispor dun negocio ou actividade comercial dado de alta e cumprir coas vixentes normativas en materia de comercio e consumo.

Cada un deles contará, entre outras cousas, cunha tenda virtual individual, un espazo de hosting con correo, un subdominio ou dominio, integración do TPV para o pago online, ou unha micro-tenda en Rural Sell. Recibirán ademais asesoramento para poder xestionar dun xeito eficiente a súa tenda online.

Ademais, Ruralsell conta cun convenio coa empresa de transporte SEUR a cal se encargará da loxística do portal, e a asesora Asemega que porán os seus servizos á disposición dos establecementos que se adhiran con condicións especiais ademais de encargarse da xestión de axudas.