Skip to main content
Agro TERRACHÁXAVilalba

Entrevista: “Estánse a pechar os acordos na UE, sobre a PAC a partir de 2023, e son moi importantes”

Por 2 Maio, 2021Maio 4th, 2021Sin comentarios

Mª Carmen Bermúdez Lodeiro, secretaria da Xunta Directiva e socia traballadora como administrativa no Gabinete Técnico Agropecuario Terra Chá

O Gabinete Técnico Agropecuario Terra Chá é unha cooperativa formada por profesionais cunha ampla experiencia no asesoramento á explotacións agrarias. Na actualidade conta con cinco persoas socias e presta ás explotacións que o demanden o seu asesoramento e un amplo abanico de servizos veterinarios e de enxeñería agrícola.

Como xurdiu este negocio?

O Gabinete Técnico Agropecuario Terra Chá, sociedade cooperativa galega, nace en xuño de 2001, por iniciativa de catro profesionais, dous veterinarios, unha enxeñeira técnica e unha administrativa. Coñecíamonos todos por ter traballado xuntos anteriormente, e todos xa tiñamos experiencia previa na atención a explotacións gandeiras. Nace este negocio pola necesidade que todas tiñamos de atopar un traballo que nos permitira conciliar vida laboral e familiar, e co obxectivo da mellora na calidade de vida de cada socio. Logo fomos aumentando os socios, e en 2009  fusionámonos con Alén Terra Chá, e entón xa eramos cinco veterinarios, dúas enxeñeiras técnicas, unha administrativa. A data de hoxe, 20 anos máis tarde, temos catro veterinarios, tres enxeñeiras técnicas agrícolas, unha graduada social e unha administrativa.

Canto tempo levan funcionando?

Dende xuño de 2001.  Xa fai 20 anos!

Que tipo de servizos prestan?

Estamos inscritos e autorizados como entidade de aconsellamento, empresa autorizada para a formación en benestar animal e en manipulador de fitosanitarios, entidade indentificación gando vacuno, ovino e caprino, entidade autorizada para identificación de cans e cabalos e entidade autorizada para a tramitación de axudas PAC.

E servizo de enxeñería?

Ademais de servizos de enxeñería técnica agrícola que inclúe estudos técnico-económicos de viabilidade de explotacións agrarias. Proxectos de obras agrícolas, naves, alpendres, silos, etc… Formación técnica, organización e organización de charlas e cursos. Medición e deslindes de fincas, tramitación de axudas a actividades agrarias, a rehabilitación de vivenda rural, e a creación de asociacións e sociedades no ámbito rural-xestión de Caderno de explotacións. Axudamos cos Plans de mellora e incorporacións de mozos ao agro, os trámites co catastro, impostos de sucesións e transmisións,etc. Preparamos a documentación para levar a notarías,  para compravendas, partillas, herdanzas, adxudicacións, segregacións e agregacións de parcelas rústicas. Trámites co SITEGAL (Banco De Terras Galego) e ocupámonos de todo o relacionado co rural, non so co agro, senón todo o que ten que ver co medio rural.

No tocante a asesoría fiscal agraria?

Facemos declaracións da renda, declaracións de IVE, sucesións, doazóns e transmisións patrimoniais, e contabilidade. Constitución de sociedades, e declaracións fiscais de sociedades, Sat e Coop. Asesoramos e tramitamos a creación de Sats e CUMAs. Tamén trámites coa seguridade social. Altas réxime especial agricultura, solicitude de prestacións Invalidez Temporal, partas DELTA de accidentes de traballo e solicitude de axudas.

Que zona cobren?

A maioría dos nosos clientes son da comarca da Terra Chá, pero temos clientes por toda a provincia de Lugo, e en concellos limítrofes  á Coruña.

Contan cun servizo veterinario?

Si, temos servizos veterinarios de clínica e urxencias, menciña preventiva en xestión da reprodución de gando vacún, podoloxía clínica, programa de mellora da calidade do leite, temos programas hixiénico-sanitarios de ADS, identificación de gando bovino, ovino e caprino e de cans e cabalos.

Cales son os máis demandados?

En veterinaria o servizo de clínica, e programas hixiénico sanitarios de Adsg.

En enxeñería técnica agrícola, a tramitación de axudas PAC, asesoramento técnico ás explotacións, plans empresariais para incorporacións e plans de mellora.

En asesoría fiscal, rentas, IVE, contabilidades, sucesións, transmisións, etc.

Cambiou o traballo nestes últimos tempos por mor da pandemia?

O 2020 foi un ano moi complicado, porque tivemos a oficina pechada nos confinamentos, e logo só atendemos en oficina con cita previa, e mantendo as distancias e evitando aglomeracións de xente na mesma.

Non se puideron facer reunións con asociacións, gandeiros, etc., nin organizar cursos de formación presencial.

Este feito, e que o sector agrario pasa por unha crise, por prezos baixos, etc.,  fixo que tivéramos unha importante caída en servizos prestados. No 2021 seguimos tendo as mesmas normas.

Cales son as últimas novidades do sector?

O sector agrario pasa por unha crise de prezos e con dificultades en moitos casos de colocar as producións nos mercados debido a esta crise pola pandemia.

Estanse a pechar os acordos na UE, sobre a PAC a partir de 2023, e son decisións moi importantes para o agro.

Que proxectos ten de cara ao futuro?

Cara o futuro, Gabinete Técnico, quere manterse con todos os traballadores, e seguir tendo un servizo profesional e de calidade, tanto a agricultores, gandeiros,  como a poboación do rural en xeral.