Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta pide solucións ante a turbidez da auga da traída

Por 20 Maio, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta volve saír ao paso respecto da problemática da traída municipal. Un asunto, que dende a formación municipalista cualifican de “estrutural” e que, tal e como denunciou o seu voceiro municipal, Modesto Renda, “de novo está a obrigar á veciñanza da Avenida Terra Chá, da Rúa do Muiño ou de Plácido Peña, entre outras, a acudir ao supermercado, en tanto que a auga sae completamente turbia.”

É por isto que, ademais da lóxica crítica política, Renda anunciou que esixirá, na súa condición de membro da corporación, a remisión das analíticas do mes de maio ao completo, así como un informe dos sistemas de filtrado e potabilización.

“O ciclo da auga en Vilalba non é acorde ás necesidades da veciñanza e ás pésimas condicións do abastecemento, súmanse ao mal funcionamento da depuradora, namentres o equipo de goberno segue sen ofrecer solucións do mesmo xeito que acontecía cos gobernos do Partido Popular en pasadas lexislaturas”, remarcou.

Na mesma liña, o edil quixo facer patente a súa indignación logo de coñecer de primeira man o relato dalgunhas das familias e negocios afectados: “Non se pode consentir que veciños de Vilalba se vexan na necesidade de elixir entre comprar garrafas para cociñar e lavarse, ou facelo na mesma auga turbia que, iso si, lles cobrarán igualmente a prezo de auga limpa”.

Neste senso, ademais de esixir garantías no relativo á salubridade dos depósitos, Vilalba Aberta volverá levar a pleno a creación dun fondo de compensación, co fin de subvencionar o cobro dos recibos dos veciños “toda vez que, se non se actúa, o problema volvera a repetirse”.

Unha opinión, compartida pola súa compañeira de grupo e vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, que censurou unha situación “insostible” pois, “ademais da cor, a auga presentaba un forte cheiro o que, con razón, levantou de novo as críticas duns veciños/as fartos dunha situación que se repite cada vez que chove máis do normal.”

É por isto que urxirán, así mesmo, ao Goberno en minoría do PSOE en Vilalba a “previr que as accións cortoprazistas de última hora, ou o que é peor, a inacción política no eido medio ambiental e de sustentabilidade, remate por prolongar toda a lexislatura a situación”.