Skip to main content
Vilalba

Tomé felicita aos bombeiros de Vilalba pola actuación no incendio de Jamones Otero

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, estivo este xoves en Vilalba, onde mantivo un encontro con efectivos do Parque Comarcal de Bombeiros, aos que felicitou pola súa actuación no incendio da nave de Jamones Otero, e tamén con responsables da empresa chairega. José Tomé estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e a xerente do Consorcio de Bombeiros, Marta Rouco.

O retén chairego tardou 4 minutos en chegar ás instalación da empresa chairega logo da alerta do 112 –o sábado 22, ás 20.29 horas- e traballou toda a noite de xeito ininterrompido ata o cambio de quenda ás 09.00 horas do domingo. Na intervención participaron 6 efectivos do parque en dúas quendas e nun primeiro momento o equipo trasladou un vehículo de altura e unha bomba urbana lixeira, pero ao trasladarse o foco á planta superior incorporáronse novos medios: a carroceta do Concello de Vilalba, un camión nodriza e 2 efectivos do Parque de Lugo, 2 bombeiros das Pontes cun nodriza e un vehículo de altura, 3 brigadas de Medio Rural con carroceta, camión cisterna da Axega e persoal do Grupo de Apoio Loxístico (GALI), Garda Civil, Policía Local, Protección Civil e Cruz Vermella. O domingo pola mañá pediuse o reforzo cun autoescala de Sarria e o brazo de Monforte. Na intervención utilizáronse máis de 100.000 litros de auga.

Os responsables provinciais tamén visitaron a nave industrial de Jamones Otero, para comprobar os danos causados polo lume. O incendio, que comezou nun afumadeiro de xamóns, afectou tamén á planta superior e ao tellado. En total quedou afectada un tercio da nave, duns 2.000 metros cadrados.

O Consorcio Provincial de Lugo para Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento está formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e inclúe os parques de Vilalba, Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Sarria e Viveiro.