Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba lamenta “a falta de explicacións” sobre o contrato de limpeza

Por 30 Maio, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal do Partido Popular de Vilalba critica “a nefasta xestión do goberno local sobre a situación do contrato de limpeza dos centros escolares” á que agora se une “a negativa, de facto, da alcaldesa a comparecer en pleno sobre este asunto”. Os populares sinalan que “a alcaldesa dixo que si comparecería, pero en realidade non o fará, polo menos, ata que remate o actual curso escolar”.

Os populares explican que “o goberno local prorrogoulle o contrato da limpeza destes centros á empresa adxudicataria a pesar de ser coñecedores da súa situación de inestabilidade económica”. E “a súa desidia deixa ás traballadoras da limpeza nunha situación excepcional” porque “ou deixan de traballar e, polo tanto, perderían os seus dereitos laborais ou seguen traballando, pero sen cobrar o seu salario”. De feito, a  alcaldesa pasoulle a palabra a outro concelleiro do goberno que recoñeceu no pleno que “serán as mesmas traballadoras as que sigan a realizar eses labores durante o que queda de curso”.

O voceiro do PP na corporación, Agustín Baamonde, lamenta así mesmo o “escurantismo” do goberno local en relación á licitación para a adxudicación dun novo contrato iniciado a mediados do presente curso “sen dar conta de información de ningunha clase á corporación” sobre este procedemento. Así mesmo, sinala que “o goberno local puido ter sacado a licitación un novo contrato da limpeza antes de iniciar as clases e non a mediados do curso”. E, da mesma maneira, cre que “o momento de buscar unha solución ao problema, tal e como dixeron durante o pleno que estaban a facer dende o goberno local, era ao inicio do curso. Agora chegan tarde”.

Dende o Grupo Municipal Popular lamentan, por outra banda, que “a alcaldesa tampouco queira dar explicacións sobre o proceso de concesión de axudas á hostalería e ao comercio de Vilalba para paliar os efectos da crise derivada da pandemia da covid-19 porque tamén se remitiu ao vindeira sesión plenaria que se debe celebrar dentro de dous meses”. Os populares cren que “neste pleno apreciamos aínda máis a incapacidade para gobernar do executivo local socialista que está deixando pasar as cousas sen implicarse nin mollarse en nada”.

“A incompetencia do goberno municipal por liderar os temas de relevancia para Vilalba que o propio PSOE levaba no seu programa electoral queda reflectida no seu rexeitamento á elaboración dun proxecto serio e rigoroso que permita ao Concello captar fondos europeos para a posta en marcha dun centro de día integrado nun novo modelo asistencial que responda ás necesidades plantexadas durante a pandemia”, segundo explica o voceiro. “O goberno local tira balóns fóra e négase a aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation. É inconcibible o desleixo e a falta de xestión por parte do goberno municipal socialista que o único que está a facer é dimitir das súas responsabilidades e delegar na Xunta a resolución dos problemas de Vilalba como é tamén o caso da depuradora, o polígono industrial ou mesmo o servizo de axuda no fogar para o que o Goberno galego dirixiu ao noso municipio 1,8 millóns de euros no ano 2020”.