Skip to main content
Lugo

Entregados 54 novos hortos ubanos do paseo do río Rato

Por 30 Xuño, 2021Xullo 1st, 2021Sin comentarios

A Deputación fixo entrega de 54 novos hortos urbanos que hai no paseo do río Rato. Estas parcelas foron adxudicadas a persoas e entidades que non foran titulares deste mesmo territorio con anterioridade e súmanse aos 55 terreos xa entregados no mes de marzo.

Nesta segunda fase de asignación, os terreos, de 30ms2 cada un, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que se primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social. 

A listaxe definitiva foi aprobada pola Xunta de Goberno. Con esta adxudicación, na actualidade atópanse en uso 109 hortos urbanos dos 150 que a Deputación de Lugo ten no río Rato. Os 41 restantes tamén se asignarán mediante concorrencia competitiva nun novo proceso.

José Tomé agradeceu aos novos usuarios e usuarias que se sumen “a este proxecto tan interesante que temos en marcha na Deputación de Lugo e que contribúan, desta forma, ao obxectivo para o que está pensado, que veciños e veciñas, colectivos e centros de ensino lle saquen partido a estes terreos públicos cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa, que fomenta o interese pola agricultura ecolóxica e que axuda a concienciar no coidado do medio ambiente”.

Os adxudicatarios xa teñen no seu poder unha carpeta coa documentación da parcela, xunto con material de traballo, como guantes e ferramentas de labranza, e plantas de horta. 

Tomé Roca desexou “unha boa colleita” aos 54 novos titulares e destacou que “aínda quedan libres 41 parcelas no Rato. Espero que o exemplo de todos e todas os novos usuarios sexa a mellor carta de presentación para as persoas interesadas”. 

Remodelación dos hortos

A Deputación de Lugo conta con 175 hortos uniformes de 30 metros cadrados, 150 no paseo do Rato e 25 en Paradai, tras a remodelación integral destes terreos públicos que permitiu aumentar a capacidade do espazo en 25 hortas. Esta mellora supuxo un investimento preto de 80.000 euros, co que se instalou un sistema de rega que dá acceso á auga dende todas as parcelas, composteiros para traballos de autoabastecemento ou a mellora do firme da terra e os accesos. 

A estas melloras sumouse tamén a  instalación de peches perimetrais de madeira e os traballos de roza e poda, realizando melloras silvícolas para propiciar o máis óptimo rendemento da terra. Tamén se habilitaron zonas de cultivo específicas para escolares e para persoas con mobilidade reducida, instaláronse paneis informativos e incorporouse mobiliario urbano, como mesas e bancos.