Skip to main content
Folgoso do Courel

Folgoso do Courel aproba un suplemento de crédito de máis de 207.587 euros

Por 17 Xuño, 2021Sin comentarios

O Concello do Folgoso do Courel aprobou no último Pleno cos votos a favor do equipo de Goberno (PP) e a abstención do PSOE, (Courel Vivo non asistiu), unha modificación do Orzamento municipal a través dun suplemento de crédito financiado con cargo ao remanente líquido de tesourería por importe de 207.587 euros.

Esta modificación do orzamento para 2021 vén motivada pola minoración dos ingresos como consecuencia da liquidación definitiva da participación municipal en tributos do Estado do exercicio 2018, que obriga a facer unha devolución de 90.459 euros.

Tendo en conta ademais o importe a reintegrar pola diferenza entre as entregas á conta no exercicio de 2018 como consecuencia da liquidación definitiva e que se descontan con carácter trimestral, o Concello de Folgoso do Courel ingresará 171.900 euros no exercicio de 2021, fronte aos 266.728 euros previstos, é dicir case 100.000 menos.

Por outro lado, con carácter mensual, o Concello pasa de ingresar 22.227,38 euros no ano 2020 aos actuais 14.325,07 euros, ao que hai que restar 3.581,27 euros, cada mes, reintegrables, polo que, nesas mensualidades o importe a percibir é de 10.743,80 euros.

Penalización inxusta

A rexedora explica que o motivo principal do descenso do importe de Participación en Tributos do Estado do Concello radica no incremento da base impoñible do IBI urbana, como consecuencia da regularización catastral producida no exercicio 2016, non no descenso de poboación, posto que non supón ningunha variación nos termos do coeficiente de ponderación.

Lola Castro remarca que “estamos ante una penalización que resulta totalmente inxusta xa que o incremento da base impoñible do Imposto sobre Bens Inmobles de natureza urbana é unha decisión que no lle compete aos concellos, posto que se constitúe polo valor catastral dos inmobles, polo que non ten sentido que agora nos vexamos prexudicados por elo”.

Destino do suplemento de crédito

O Concello de Folgoso do Courel realiza esta modificación de crédito para afrontar a parte correspondente ao Concello que permita levar a cabo actuacións que contan con axudas doutras administracións, convenios a piques de asinar, así como para ter fondos para partidas culturais, turísticas e para obras.