Skip to main content
Paradela

Paradela recibe 96.000 euros para rehabilitar a vella escola

Por 20 Xuño, 2021Sin comentarios

Paradela recibe 96.000 euros para rehabilitar a vella escola situada nun terreo que dá en parte á rúa Galicia, que dispón de dúas casas no segundo andar. Esta iniciativa dará lugar a dous domicilios unifamiliares con estrada individual e instalacións independentes, que disporán de dúas habitacións, un salón comedor, cociña e baño. 

Para acadar unhas boas condicións de habitabilidade e confort, será necesario renovar a cuberta, cambiar as carpinterías exteriores, rehabilitar as fachadas e urbanizar o acceso á parcela pola parte traseira, entre outras actuacións. 

A finalidade desta axuda é facilitar que os concellos que teñen demanda de vivenda de promoción pública poidan crear un parque residencial para ofrecelo en réxime de arrendamento. 

Características do programa 

O programa de rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras vivendas de titularidade municipal está dirixido a facilitar aos concellos a creación dun parque público de vivenda municipal en réxime de alugueiro, ao tempo que fomenta a rehabilitación de inmobles xa existentes.

Poden acceder a estas axudas os concellos de menos de 20.000 habitantes que teñan veciños inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia (polo menos tantos como vivendas se pretende rehabilitar). 

Unha vez rehabilitadas, as vivendas destinaranse, en réxime de alugamento, a unidades de convivencia con escasos recursos económicos (menos de 2,5 veces o Iprem) durante un prazo non inferior a 20 anos.

A axuda da Xunta ascende ao 90 por cento do custe da actuación, cun límite de 40.000 euros por vivenda, que se pode incrementar ata os 48.000 euros se están emprazadas en ámbitos históricos ou dos Camiños de Santiago.