Skip to main content
Vilalba

Comerciantes vilalbeses da Pravia inician o luns as concentracións

Por 20 Xuño, 2021Sin comentarios

Tal e como avanzaban a finais desta semana, os comerciantes da Pravia iniciarán unha rolda de protestas ante a decisión do Goberno local de abrir para un só carril a rúa.

Os comerciantes, que recibiron o respaldo da Asociación de Empresarios Sete Pontes, solicitan que se abra en dobre dirección de novo e se queixan da decisión de poñer a rúa en sentido unidireccional, de forma permanente, sen consulta previa e sen dar solucións á falta de aparcamentos para que a veciñanza ou visitantes poidan deixar os seus vehículos nas rúas contiguas sen ter que aparcar na periferia.

As concentracións están convocadas para luns, martes, mércores e xoves desta semana, ás 13.00 horas na rúa da Pravia, frente á Alameda.

Os comerciantes desestiman así as explicacións do equipo de Goberno, ofrecidas o pasado venres pola tarde e nas que se aseguraba que o corte faise por motivos de seguridade.

O conflicto xurdiu a primeiros de mes, cando se produciu o derrubamento da casa das Maragatinas, o que obrigou a cortar a rúa. O Concello defendeu en todo momento a súa xestión asegurando que os informes técnicos impediron abrir a rúa antes, algo que os veciños reclamaron asegurando unha clara “desidia” na actuación, que tiña que terse producido antes.

A alcaldesa comunicou á veciñanza que o corte se manterá xa que teñen que renovar a traída de auga que se atopa totalmente obsoleta e podería ser un risco o paso de vehículos sobre ela debido ás vibracións. Do mesmo xeito, limitarase o tránsito de vehículos pesados.

Dende o Concello avanzaron que aproveitarase esta obra urxente para revisar o resto de servizos para poder facer unha actuación conxunta se fose necesario. Polo tanto, esta medida, que calificaron de provisional, podería dilatarse no tempo, xa que só a redacción do proxecto supón polo menos catro meses.