Skip to main content
Vilalba

Vilalba Aberta quere que os fondos do canon eólico se destinen ás parroquias

Por 27 Xuño, 2021Sin comentarios

Vilalba Aberta defenderá no vindeiro Pleno ordinario que a aplicación orzamentaria do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverta directamente nas parroquias, no que resta de lexislatura. Unha proposta que dende a formación municipalista se entende como “prioritaria e de xustiza” e que figuraba xa no acordo de mínimos entre PSOE e Vilalba Aberta, sen que – lembran – “esta fora respectada no contexto do Goberno de Coalición”.

Os fondos, arredor de 200.000 por anualidade, transferidos pola Xunta aos municipios en función da cantidade de aeroxeradores instalados no seu territorio e da lonxitude das liñas de evacuación da enerxía xerada nos parques, permitirían así que as 29 parroquias de Vilalba puideran verse beneficiadas de importantes actuacións de competencia municipal, tales como a necesaria rexeneración da rede abastecemento; a adquisición de maquinaria destinada ao mantemento e á roza; así como a melloras no conxunto do sistema de alumeado público e da xestión de residuos, entre outros.

Tal e como precisou o seu voceiro municipal, Modesto Renda, “a filosofía que inspira o decreto do canon e que insta a mellorar as zonas nas que se sitúan os parques eólicos, así como as localizacións que ven afectadas polo traballo diario das compañías, implica que as parroquias deben ser as beneficiarias”.

É por isto que, ao tempo que lamentou que os fondos relativos á pasada anualidade se destinaran “unha vez máis” a unha actuación urbanística no seno do casco urbano; reivindicou a importancia dunha iniciativa “encamiñada a comezar a pór fin a décadas de políticas de reparto de fondos desiguais para o rural”, pola vía de “asumir a importancia estratéxica dunhas parroquias, que deben volver a ser o eixo sobre o que se vertebre o noso Concello”.