Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Comezou o servizo de socorrismo en varios areais da Mariña

Por 2 Xullo, 2021Sin comentarios

Algúns dos concellos da Mariña comezaron a tempada de verán coa contratación de socorristas para os seus areais, así, o Concello de Foz iniciou o servizo de socorrismo nas praias de A Rapadoira, Llas e Areoura, con dez socorristas titulados, incluído o xefe de equipo.

Ademais o concelleiro de Turismo, Chema Linares, anuncia que o próximo luns, día 5, “incorporaranse 7 auxiliares para o servizo de salvamento e 2 auxiliares sanitarios, para completar un total de 19 profesionais dedicados á prevención e ao rescate nos areais focegos. Con estas incorporacións o próximo luns contarán con servizo de salvamento, ademais de A Rapadoira, Llas e Areoura, as praias de Peizás e Polas”

Tamén no Concello de Cervo comezaron a prestar o seu servizo os socorristas na praia do Torno. Así, comezaron 4, e a seguinte semana está previsto que se incorporen 2 máis; para velar pola seguridade dos bañistas nos meses de verán.

Xa está tamén todo o material de salvamento disposto na caseta de socorrismo; e tamén se abriron neste día os baños públicos das praias do Torno, de Cubelas, e da Caosa.

Nos días previos, estivéronse realizando diferentes tarefas de limpeza e acondicionamento dos areais, como o asfaltado dos accesos á Praia de Rueta, ou a instalación dunha pasarela de madeira na praia do Torno, para facilitar o acceso daquelas persoas con mobilidade reducida.

Arriba, os socorristas de Cervo e, abaixo, os de Foz

Así mesmo tamén se reforzou o número de papeleiras nos accesos ás praias e instaláronse diferentes paneis que recollen información sobre a calidade das augas dos areais –todas aptas para o baño- así como diferentes recomendacións a ter en conta no momento do baño, e ante a situación sanitaria que vivimos.

No caso de Ribado, o Concello convocou outras 5 prazas de socorristas acuáticos a xornada completa, que se incorporarán o día 16 deste mes. E Barreiros amplía o prazo ata o 15 de xullo para entrar a formar parte da bolsa de emprego do servizo de socorrismo.

Burela rematou o proceso de selección de dous socorristas con cargo ao Plan Único da Deputación pero precisa contar con 10 profesionais para atender os seus areais