Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

O PSOE reclama que se manteñan as bonificacións ao gasóleo do sector pesqueiro.

Por 6 Xullo, 2021Sin comentarios

A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle á Consellería de Pesca que “traballen cóbado con cóbado” co Ministerio de Pesca para manter as bonificacións ao gasóleo do sector pesqueiro. Otero presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca diante da iniciativa da Organización Mundial do Comercio -OMC- secundada polo Comité Europeo das Rexións –CdR-.

Otero advertiu de que esta medida, enriba da mesa dende hai 20 anos, será tratada nunha xuntanza dos ministros de Comercio na OMC do próximo 15 de xullo, na que a UE estará representada pola Comisión Europea, de cara a acordar un texto para a próxima reunión da OMC prevista para decembro en Xenebra. 

Lembra que tanto España como Francia teñen proposto que a Comisión Europea informe da súa posición de cara a coordinar a posición negociadora e presentarse “sen posicións discordantes”, unha postura que foi respaldada pola maioría de países membros da UE. A parlamentaria socialista preguntoulle ao goberno galego “que están a facer” ante a iniciativa da OMC de retirar as axudas, logo de constatar que dende o goberno central “estanse a facer cousas”.

Pesca ilegal

A supresión das axudas, concibida para frear a pesca ilegal, faría inviable a actividade para moitos armadores galegos “cando o noso sector pesqueiro fai unha pesca legal, declarada e regulamentada”. Sinalou que “ten que haber e hai outras medidas para loitar contra a pesca ilegal” á marxe de retirar as axudas aos combustibles que provocaría unha “desvantaxe competitiva fronte a outras nacións co gasoil máis barato e menos control da pesca”.

Na actualidade, o combustible bonificado sitúase a un prezo de 0,45 euros o litro, o que supón o 40 por cento do custe de explotación –ata o 50 por cento no caso dos arrastreiros-, un prezo que se vería duplicado pola retirada das bonificacións. Deste xeito o custe do gasoil podería chegar a supor o 70 por cento do custe de explotación, derivando ademais nunha suba dos prezos do peixe ata ser inaccesible para moitos consumidores.