Skip to main content
Lugo

Lugo presenta un proxecto para impulsar o comercio e a economía

Por 17 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo presentou o proxecto Lugo é capital, urban ad display, a primeira experiencia piloto que se pon en marcha en España de impulso do comercio e da hostalaría local a través dun sistema innovador de cartelería interactiva.

Este sistema permite unha interacción directa entre os negocios e a cidadanía durante 24 horas os 7 días da semana, así coma recoller datos derivados do uso das pantallas, de maneira ética e anónima, que facilitarán a orientación de novas estratexias de fidelización e venda.

A rexedora, acompañada de Ana González, aclarou que este proxecto foi o único seleccionado de toda Galicia na convocatoria que abriu a Cámara de Comercio de España sobre iniciativas singulares en cascos históricos para modernizar o comercio minorista tras a pandemia.

O proxecto caracterízase por combinar diferentes tecnoloxías xa existentes para obter un produto  totalmente novidoso, creando unha rede comunicativa e publicitaria como forma de poñer en valor os comercios tradicionais do centro histórico desde unha perspectiva innovadora e adaptada ás novas tendencias, a nivel comunicativo e a nivel tecnolóxico.

Con este fin, instalaranse 4 pantallas interactivas, dous fixas no exterior das dependencias  municipais de Novas Tecnoloxías, e dous totems móbiles, que serán itinerantes. As mesmas  actuarán como soportes de publicidade gratuíta dos comercios e abren a posibilidade de que o  comprador interactúe cos eles (compras, reservas). Ademais, aglutina tecnoloxías capaces de  identificar persoas, procesos e percorridos para analizar os comportamentos e medir así mesmo a  efectividade das campañas.

Os dispositivos ademais da información comercial, ofrecerá contidos de interese para os cidadáns  como a axenda municipal, rutas, avisos e alertas socio-sanitarias, entre outros, e permitirán  revitalizar a imaxe da cidade para os visitantes que acoden a Lugo.

As pantallas contan cun cristal interactivo con protección antivandálica. Tamén levan instalada  unha lámina transparente e antimicrobiana, capaz de desactivar o 99% dos virus da superficie.

O proxecto, que conta cun investimento de 100.000 euros financiado nun 80% por Fondos Feder, complementarase coa creación dos contidos que irán nos dispositivos dixitais, “que realizaremos a  través dos obradoiros de formación e emprego que anunciamos recentemente, dirixido a menores  de 30 anos e dotados dun orzamento de 369.492 euros”, segundo aclarou a concelleira Ana González Abelleira. Os obradoiros suporán a contratación de 16 mozos, 1 director/a e dous docentes para formarse nas especialidades de desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e de aplicacións con tecnoloxía web.