Skip to main content
Sober

Presentada a programación da XLI Feira do viño de Amandi de Sober

Por 27 Xullo, 2021Sin comentarios

Sober presentou no día de hoxe, na rotonda do carreteiro, a programación da XLI Feira do Viño de Amandi xunto co cartel anunciador, obra de Eduardo Pérez Bahamonde.

Así mesmo, tamén se deron a coñecer as diferentes actividades do Mes do Amandi, coas que pasar unhas xornadas de lecer e de ocio, así coma de aprendizaxe.

O Concello de Chantada será o convidado de honra na edición deste ano.

Programa do Mes de Amandi

O vindeiro martes 3 de agosto, ás 10 horas da mañá no centro sociocultural de Sober, levarase a cabo unha xornada técnica O castiñeiro do froito: planificación e deseño de plantacións, no que se tratarán dunha forma construtiva plantacións de esta especie. Así mesmo, a xornada está organizada por I.X.P. Castaña de Galicia.

O xoves 5 de agosto ás 19 horas será o turno das catas. Desta maneira, realizarase na tapería Tear de Cadeiras unha cata comentada de viños rosados da subzona de Amandi (D.O. Ribeira Sacra). A persoa que se encargará de dirixir é Cristina Mantilla, enóloga e docente no CPR Belarmino Fernández de Rosende.

A continuación, na xornada do venres 6 de agosto, realizarase a presentación da exposición permanente do material atopado nas escavacións de Proendos. Realizarase ás 12 horas na oficina de turismo. Chegado o luns, 9 de agosto, no restaurante Berso realizarase Xantar&Maridaxe, dirixido pola sumiller Elisabet Castro.

O día seguinte, o martes 10 de agosto ás 19 horas no C.P.R Belarmino Fernández de Rosende, volverase coas xornadas técnicas, desta vez Aprende a Catar, na cal se poderá aprender as diferentes nocións básicas e a diferenza de variedades galegas que existen. Neste caso, será a sumiller Isabel Lozano Verdes a encargada de dirixir a xornada.

Unha semana despois, o mércores 18 de agosto, será o turno das citas musicais. Así pois, a praza do Toural acollerá o concerto de Gin Toni’s ás 22 horas, un grupo que versiona clásicos da música española. O sábado 21 de agosto, continuará a música, desta vez, da man da banda de música de Muimenta que animará o ambiente ás 20 horas na praza do Toural.

Para concluír co mes de Amandi e coas actuacións musicais, o 27 de agosto, a banda de música de Sober protagonizará un concerto á luz da lúa. Así pois, o escenario no que se levará a cabo será o mesmo que en días anteriores -na praza do Toural-, ás 22 horas.

Outras actividades

Así pois, dende o Concello de Sober anunciaron actividades diferentes. En primeiro lugar, do 1 ao 30 de agosto poderase visitar nunha exposición realizada no centro sociocultural de Sober, os diferentes carteis presentados o concurso de carteis da XLI Feira do Viño de Amandi.

Por outro lado, realizarase unha precata e cata final dos viños expostos na Feira cun xurado profesional. Entréganse tres primeiros premios para viños tintos da añada de 2020, un premio para viños brancos da añada de 2020 e un premio para viños envellecidos en barrica.

Programa de actos da XLI Feira do viño de Amandi

O mércores 11 de agosto celebrarase a XLI Feira do viño de Amandi na que se poderán realizar diferentes actos, así coma disfrutar de actuacións e espectáculos variados. A xornada comezará ás 11 horas coa apertura oficial a cargo da familia de Benito Rivas Valdés, co-fundador da Feira do Viño de Amandi, falecido recentemente. Ás 11.15 chegará a música a cargo da banda de música de Sober para que, posteriormente, se realice o pregón.

A feira continuará o xoves 12 de agosto. Así pois, o día dará comezo ás 11 horas coa actuación musical dos Xograres de Lemos. Xa ás 11.30 horas dará comezo a cata oficial na sala de catas do Centro Sociocultural de Sober. Finalmente, rematará ás 13.30 horas coa entrega de premios do concurso de cata.

Acceso á feira

Para acceder á feira será preciso ter entrada. O recinto estará delimitado e haberá control de aforo para cumprir coas normas sanitarias en vigor. O Goberno local informará nos vindeiros días de como facerse coas entradas de acceso aos postos.