Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

A lonxa de Burela conta cun dos sistemas de poxa máis modernos e avanzados

Por 5 Agosto, 2021Sin comentarios

A lonxa de Armadores de Burela conta cun dos sistemas de venda máis avanzados e modernos do mundo pois é totalmente dixital pero mantén a base tradicional de cantar os prezos a viva voz. Para a adxudicación das distintas especies as cotizacións son cantadas por un ordenador e os compradores mercan pulsando simplemente o botón dun mando que cada un deles ten preasignado. 

Así, o constatou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, que lembrou a importancia de que o sector aposte de xeito constante pola innovación con actuacións coma esta. Ademais, trátase dunha mellora que permite a adxudicación dos lotes de forma automática cando así o sinalan os compradores, permitindo unha trazabilidade e disposición de datos contables instantáneas.

Este sistema, que se instalou en probas a comezos de xuño, permite dixitalizar totalmente a poxa das capturas que chegan a esta lonxa, a segunda máis importante de Galicia en canto a facturación. Trátase dun avance importante tendo en conta tamén que Burela é un dos referentes na comercialización de especies como a pescada do pincho ou o bonito do norte, produtos moi demandados en toda España pola súa calidade ao ser capturados con artes de pesca moi selectivas.

A representante do Executivo galego animou aos representantes da lonxa de Burela (Armadores de Burela SA, ABSA) e do conxunto do sector a seguir apostando por este tipo de melloras que contribúen a optimizar o labor dos profesionais do mar e a impulsar a competitividade dos portos, que son fonte de emprego e riqueza na súa contorna. Neste sentido, lembrou  que a Xunta destina este ano máis de 16 millóns de euros ás iniciativas que presenten os oito GALP existentes en Galicia e que as preto de medio milleiro de accións desenvolvidas na comunidade desde 2016 ao abeiro destas entidades supuxeron a mobilización de máis de 30 millóns de euros de axuda pública.

Nave de redes e porto de Celeiro

A titular de Mar, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, tamén visitou a nave de redes de Burela. Este inmoble, que emprega a confraría de pescadores local para almacenar e reparar artes e aparellos, está a ser reformado e acondicionado polo ente portuario galego co obxectivo de mellorar as condicións de traballo dos seus usuarios. As obras, que contan cun investimento de preto de 270.000 euros, inclúen actuacións como a substitución da cuberta, arranxos na fachada, a substitución das portas de acceso por outras corredías, a renovación da instalación eléctrica e a construción dun aseo e un almacén na zona central da nave, entre outras.

Rosa Quintana visitou posteriormente o porto de Celeiro (Viveiro) onde comprobou en que van consistir as obras que ten proxectadas Portos de Galicia para a remodelación e ampliación das instalacións de atraque das embarcacións de artes menores locais. Os traballos consisten na instalación de pantaláns flotantes e a redistribución dos xa existentes para dar servizo e cubrir as necesidades da frota profesional e de recreo.

As actuacións previstas, que contan cun orzamento base de licitación de máis de 400.000 euros, permitirán separar os atraques das embarcacións en dúas zonas con accesos diferenciados, unha para as embarcacións profesionais e outra para as de lecer, facilitando así o desenvolvemento e a organización das dúas actividades. 

A conselleira do Mar tamén aproveitou a visita ao porto de Celeiro para manter un encontro cos representantes do sector pesqueiro local e analizar a evolución da actividade nos últimos meses tendo en conta o impacto da alerta sanitaria polo coronavirus así como para coñecer as necesidades dos profesionais do mar da zona co obxectivo de facilitar o seu labor diario.