Skip to main content
Portomarín

Rematado o acondicionamento do poboado da Idade de Ferro de Castromaior, de Portomarín

Por 27 Agosto, 2021Sin comentarios

Remataron os traballos de acondicionamento do poboado fortificado da Idade de Ferro de Castromaior, en Portomarín, que consistiron na súa limpeza e consolidación. Para dar a coñecer o resultado organízouse unha xornada de portas abertas contou con varios arqueólogos que formaron parte da campaña.

O castro está datado entre os séculos V a.C e I d.C., e destaca pola súa gran extensión -ao ocupar máis de cinco hectáreas ao carón do Camiño Francés- e pola súa complexidade estrutural, con presenza de ata seis recintos delimitados por murallas e fosos, ademais de varios socalcos exteriores asociados, que dotan a todo o conxunto dunha gran monumentalidade.

Consolidación de muros e rúas

Durante estes dous últimos anos realizáronse traballos de documentación e diagnose que permitiron a roza e limpeza manual da zona escavada e de toda a croa do castro de Castromaior para conseguir unha boa visión de toda a zona arqueolóxica. 

Tamén se realizaron traballos de conservación e consolidación das estruturas arqueolóxicas como muros, pavimentos, fogares ou rúas, así como na muralla e na entrada principal, nunha superficie total de 800 metros cadrados.