Skip to main content
O Páramo

Licitadas as obras de mellora de varias estradas do Páramo

Por 16 Agosto, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de licitar obras de mellora en cinco estradas de titularidade provincial ao seu paso polo concello do Páramo. Estes traballos contan cun investimento de preto de medio millón de euros e permitirán acondicionar algo máis de 14 quilómetros de vías neste municipio da comarca de Sarria mellorando as comunicacións, a seguridade e a comodidade dos veciños e veciñas.

A LU-P-4304, que conecta O Páramo coa Pobra de San Xiao, terá un investimento de máis de 367.000 euros. Nesta vía levarase a cabo o acondicionamento de máis de 200 metros -do punto quilométrico 5,200 ao 5,435- e outro de máis de 1 quilómetro no antigo tramo da LU-P-2904, que conecta o concello con Conturiz. Estes traballos teñen un prazo de execución de 6 meses.

Así mesmo, tamén se licitaron conxuntamente as obras de mellora en 13 quilómetros noutras tres estradas paramesas cun investimento de 122.851 euros. Na vía que une Pacios e Trebolle, a LU-P-4203, levarase a cabo a rehabilitación de máis de 6 quilómetros da vía, dende o punto quilométrico 8,020 ao 14,088. Trátase dunha estrada que dá servizo ás parroquias de Friolfe e A Torre, ademais de ser un punto de unión co concello de Paradela. 

Tamén  se licitaron traballos na LU-P-4305, que conecta O Páramo coa parroquia de Moscán, para rexenerar preto de 1,5 quilómetros, dende o seu inicio ao punto quilométrico 1,426. Mentres que na LU-P-4306, de Santo André da Ribeira, as obras de mellora executaranse nos primeiros 5,6 quilómetros de vía. O prazo para acometer estes traballos nestas 3 estradas provinciais do Páramo será de 4 meses.

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, recordou que “mellorar a mobilidade é unha das prioridades neste mandato e tamén o meu compromiso, porque unhas estradas en boas condicións son necesarias para favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”. Os orzamentos provinciais aumentaron nun 14% o investimento para esta finalidade, ata acadar os 16 millóns de euros, nesta anualidade.