Skip to main content
Foz

O Concello de Foz adxudicou ampliación do Centro de Seguridade Vial

Por 26 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz adxudicou ampliación do Centro de Seguridade Vial e anuncia a retirada da denuncia interposta pola Asociación Central de Jubilados y Pensionistas de Foz.

O Concello de Foz continúa avanzando co compromiso adquirido en canto á reforma da Cafetería do Centro Social -Bar dos Xubilados- e á recuperación dese espazo para todos os maiores de Foz. O alcalde, Fran Cajoto, anuncia que se adxudicou a ampliación do Centro de Seguridade Vial, situado no peirao de Foz, por un importe de 58.834,39 euros á empresa Construcciones Jesús Naray SL. Esta edificación será empregada pola Asociación de Discapacitados Virxe da Mariña unha vez rematadas as obras. 

A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, destaca a labor desta asociación: “está a facer un gran traballo, conseguindo que persoas con discapacidade intelectual do noso concello se integren e participen dunha vida moito máis normal, realizando labores de inclusión na vida adulta e relacións sociais, así como reforzar coñecementos adquiridos mediante diferentes talleres e clases de reforzo. O Concello quere apoiar e incentivar esta gran labor: dixemos alto e claro que iamos ofrecer unhas instalacións dignas á Asociación Virxe do Carme antes de calquera reforma da cafetería do centro social e con este novo espazo cumprimos e van poder continuar cunha iniciativa tan necesaria, onde rapaces focegos poden levar a cabo tarefas de inclusión no noso Concello, sen ter que desprazarse a outros concellos limítrofes”.

O alcalde informa tamén da retirada da denuncia interposta pola Asociación Central de Jubilados y Pensionistas de Foz. “O Defensor do Pobo xa nos dera a razón e a denuncia que presentara esa asociación, na figura do seu presidente, foi retirada antes do xuízo que se ía celebrar a vindeira semana. En ningún caso vamos cualificar os improperios e as faltas de respecto que vimos sufrindo, pero si vamos a solicitar as costas procesuais, que saen do peto de todos os focegos. Seguiremos actuando con honestidade e seriedade”, manifesta Cajoto.

As obras de ampliación do Centro de Seguridade Vial, xunto ás de reforma da planta administrativa e a cafetería do Centro Social, prevén rematarse antes de fin de ano.