Skip to main content
Foz

O BNG de Foz propón que o Pleno se pronuncie en contra do parque eólico borrasca

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

O BNG de Foz propón que o Pleno do Concello se pronuncie en contra da instalación do parque eólico borrasca. Así, os nacionalistas apostan “de maneira decidida polas enerxías renovables, pero entende o vento como un ben público cuxo aproveitamento na produción de electricidade debe repercutir no conxunto da cidadanía, e especificamente nos territorios onde se xera, ademais de defender a participación pública na planificación e no desenvolvemento do sector enerxético en xeral, e do eólico en particular”.

“Galicia é excedentaria no mix de renovables e, polo tanto, non semella que sexa o momento de impulsar unha carreira descontrolada de implantación de novos parques eólicos, senón máis ben desenvolver a potencia eólica dun xeito racional, sostible e ordenado. Nos proxectos eólicos planificados para a comarca, prevalecen os intereses dos grandes grupos económicos vinculados co sector enerxético. Estes proxectos non teñen en conta as necesidades enerxéticas da Galiza nin tampouco outras cuestións, como o interese das comunidades locais, a protección do territorio e a compatibilidade coas actividades socioeconómicas”, din dende o grupo municipal de Foz.

O BNG acredita que o proxecto Borrasca deseñado por Greenalia, é un proxecto “cun impacto ambiental descomunal como son os aeroxeradores de 180 m. Pero as autopistas de acceso e as torres de evacuación impactarán tamén sobre as 3 Áreas da Rede Natura do noso Concello, sobre nove espazos no noso Concello considerados hábitats de interese  comunitario prioritario pola Unión Europea, e tres Bens de Interese Cultural (dous deles que quedarían no medio do parque)”.

“Mais aló, este parque podería estar intentando obviar unha avaliación mais rigurosa, a dun impacto ambiental xigantesco pola sua vinculación directa cos parques Ventisca e Boura. Por riba o proxecto non se axusta ao denominado Plan sectorial eólico de Galicia, instrumento obsoleto pero vixente ao ficar no seu conxunto fora das chamadas Areas de Desenvolvemento Eólico. E preciso que  a planificación eólica da Xunta e mais aló a conxunta co Estado, esté fundamentada en criterios de proporcionalidade, racionalidade e equilibrio xunto con garantías de protección do patrimonio natural, cultural e paisaxístico respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”, engaden.

É por este motivo, que “propoñemos o rexeitamento ao PE Borrasca, polo grave impacto no Concello de Foz nos seus espazos naturais, patrimoniais, e paisaxísticos sobre a Mariña, por incumplir a normativa da Xunta de Galiza e por ser evidente a fragmentación artificial de parques nas avaliacións ambientáis dos denominados Borrasca, Ventisa e  Boura en tramitación”, rematan dicindo os nacionalistas.