Skip to main content
Ribadeo

O Pleno votará unha moción que solicite o Plan Rexurbe para Ribadeo

Por 17 Setembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Ribadeo levará ao pleno unha moción na que solicitará á Xunta unha nova figura xurídica que substitúa ao Ari, trátase do Plan Rexurbe para o conxunto histórico da vila. 

Esta medida está baseada nas consultas recibidas para rehabilitar ou desenvolver actuacións no casco vello que ata o momento non se podían levar a cabo precisamente pola falta desta normativa tan imprescindible nos últimos anos. 

Este plan contempla a dinamización aínda máis profunda deste ámbito, tanto en actuacións públicas como privadas, contando cunha maior contía e porcentaxe de axudas económicas destinadas á rehabilitación de vivenda.

Na moción explican que o Plan Rexurbe preténdese para o ámbito de todo o conxunto histórico, aínda que se van suxerir varias accións especiais en ámbitos degradados como o barrio de Cabanela, ou edificios como o actual xulgado de paz ou a contorna e máis a capela da Virxe do Camiño. Nestas actuacións singulares as administracións públicas actuantes dispoñerán de instrumentos xurídicos e económicos para impulsar melloras importantes.

Por outra banda, nestes días estanse enviando unha nova remesa de notificacións con ordes de rehabilitación tanto de edificios (fachadas, carpintería de exteriores, cubertas, canalóns, etc) como de limpeza e desbroce de leiras cheas de maleza, así como reiteración de varias multas coercitivas para os que non fixeron caso dos requirimentos anteriores.