Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O BNG de Riotorto pide un pleno extraordinario para falar da planta de residuos de Aldurfe

Por 29 Setembro, 2021Sin comentarios

O BNG de Riotorto pedirá a celebración dun pleno extraordinario en relación coa construción dunha planta de transferencia de residuos no Franco, en Aldurfe, un proxecto presentado este luns polo alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, e pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que ten a oposición frontal da veciñanza.

A formación nacionalista mostrou o seu apoio aos veciños e veciñas, cuestionando a ubicación da infraestrutura, nun núcleo rural, a escasos metros das casas e do punto de captación de auga do Roldín, que abastece a cincocentas persoas das parroquias de Riotorto e Espasande de Abaixo.

O BNG entende que a ubicación da planta carece de calquera lóxica xa que Aldurfe é unha parroquia que vive da actividade gandeira e na que os terreos dos que dispón o Concello deberían dedicarse a ampliar a superficie produtiva das granxas ou a acoller servizos que beneficien á veciñanza. Ademais, apuntan, as vías de acceso ao terreo non teñen as condicións para soportar o tráfico pesado que xerará o transporte de residuos que, segundo as estimacións de Sogama, podería recibir ata 13.500 toneladas de lixo ao ano.

Desde a formación nacionalista sinalan a necesidade dun pleno extraordinario monográfico para aclarar unha xestión realizada de costas e veciñanza e na que, adiantan, presentarán unha moción solicitando a suspensión do proxecto na ubicación prevista, revocando a cesión dos terreos para ese uso, e a creación dun grupo de traballo con representación da veciñanza para buscar, de considerarse necesario, unha ubicación alternativa.

“Tras unha tramitación administrativa feita de costas á veciñanza , a mobilización social e a presión política son a única vía para que se retire un proxecto que atenta contra o medio de vida das veciñas e veciños da parroquia e que ameaza un servizo básico como o abastecemento de auga”. explican desde o BNG, que buscará o apoio das organizacións agrarias e ecoloxistas para evitar a construción da planta.

A formación nacionalista agarda contar co apoio do PSOE-PSdG para forzar a convocatoria despois de que o grupo provincial socialista se pronunciase en contra da ubicación da planta.